Trenor anuncia un investimento de máis de 200.000 € para instalar ascensores en tres centros educativos da cidade da Coruña

O delegado da Xunta asegurou que todas estas as actuacións, de mellora da accesibilidade, teñen como obxectivo “ofrecer un mellor servizo á comunidade educativa”

A Coruña, 16 de marzo de 2023 O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá o IES Monte das Moas para anunciar a licitación de tres ascensores que se instalarán en tres centros educativos da cidade no CEIP Víctor López Seoane, IES Monte das Moas e IES Urbano Lugrís . En total estas tres actuacións suporán un investimento de máis de 200.000 euros.

O representante do Goberno autonómico puntualizou que estas actuacións, orientadas a mellorar a accesibilidade nestes centros educativos, teñen como obxectivo “ofrecer un mellor servizo á comunidade educativa”. Neste senso, engadiu que, “dende o Goberno autonómico seguimos reforzando a nosa aposta pola educación pública de calidade impulsando distintas melloras nos centros educativos dos concellos con obras de maior ou menor envergadura, de mantemento e conservación ou dirixidas a garantir unhas instalacións axeitadas e dotadas con todos os medios necesarios”.

Con respecto ás actuacións no IES Monte das Moas, o obxecto da instalación do ascensor é o da mellora a accesibilidade en todas as zonas das diferentes plantas do á leste, mediante a implantación dun ascensor accesible que comunique a planta de acceso, coa planta baixa e a planta primeira, conformándose así un itinerario accesible desde o acceso exterior do centro ata calquera punto interior da edificación do á leste. Dada a distribución actual nas diferentes plantas, os accesos ao propio edificio e interiormente ás diferentes dependencias, e o sistema estrutural e construtivo da edificación, determinouse o emprazamento do ascensor nun tramo de baixada do bloque de escaleiras, continuando os actuais percorridos interiores de conexión dos tres niveles de plantas.

No CEIP de Víctor López Seoane dada a distribución actual nas diferentes plantas do centro, os accesos ao edificio e interiormente ás diferentes dependencias, e o sistema estrutural, determinouse o emprazamento do ascensor no vestíbulo central do patio interior cuberto. Así, o recinto do ascensor discorrerá polo interior da edificación, no centro de vestíbulo interior de tripla altura e posibilita o acceso e desembarco desde o vestíbulo principal de planta baixa aos corredores principais das plantas altas, de maneira que se optimizan os percorridos interiores e por tanto a accesibilidade vertical e horizontal 

No Urbano Lugrís a actuación consiste na mellora das condicións de accesibilidade entre as distintas plantas que conforman o edificio, distribuído en planta baixa e dúas plantas altas, co fin de facilitar o uso do mesmo por persoas con mobilidade reducida. Por tanto procederase á instalación dun ascensor na zona próxima ao acceso principal ao edificio, zona sur do mesmo. Trátase dun ascensor eléctrico de 8 prazas con 3 paradas e 3 accesos. Realizarase o foso reducido para evitar afectar a elementos estruturais.

Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

Tal e como sinalou o titular do departamento educativo da Xunta, estas actuacións enmárcanse no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta coa que o Goberno galego está a modernizar os centros de ensino e converténdoos en instalacións máis eficientes e sustentables, así como axustadas ás necesidades da educación do século XXI, máis dixitalizadas, con espazos funcionais, amplos e flexibles, mobiliario con rodas, etc. Dotado cun orzamento de 191M€, a través deste plan prevese renovar catro de cada 10 centros educativos.

Esta actuación conta co apoio do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/03/2023