A Xunta apoia as melloras en infraestruturas veciñais impulsadas por colectivos locais de Forcarei

A directora xeral de Administración Local visitou as instalacións da asociación veciñal Terra de Acivros e da comunidade de usuarios de augas Cruz de Andón

O Goberno galego investiu 28.000 euros nos proxectos ao abeiro do Plan específico de acción comunitaria, dotado con 3 M€ e destinado a asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e mulleres rurais

Forcarei (Pontevedra), 16 de marzo de 2023 A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe en Forcarei as melloras realizadas no local social da asociación veciñal Terra de Acivros e no depósito de auga da comunidade de usuarios de augas Cruz de Andón. Ambas as iniciativas contaron con achegas do Goberno galego que suman 28.000 euros ao abeiro do Plan específico de acción comunitaria, dotado con 3 millóns de euros e destinado a asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e mulleres rurais.

A Asociación de Veciños Terra de Acivros recibiu 16.000 euros, dos que 12.000 se destinaron ao acondicionamento do exterior da casa da escola de Aciveiro, coa creación dun chan de formigón e unha rampla para facilitarlles o acceso ás persoas con mobilidade reducida. Os 4.000 euros restantes investíronse na adquisición de equipamento, como electrodomésticos e mobiliario para garantir o confort na celebración de xuntanzas e eventos.

Pola súa banda, a comunidade de usuarios de augas Cruz de Andón acolleuse ás axudas da Xunta para construír unha nova nave e instalar así novos depósitos de fibra de poliéster. A achega recibida foi de 12.000 euros e permitiu eliminar fugas de auga.

Segundo sinalou a directora xeral, ambas as iniciativas se enmarcan no apoio da Xunta ao asociacionismo local a prol da dotación de espazos e infraestruturas nas mellores condicións para a veciñanza. Natalia Prieto salientou a importancia destes colectivos na dinamización da vida rural e na prestación de servizos fundamentais, o que levou ao Goberno galego a reforzar xa o ano pasado o orzamento do Plan específico de acción comunitaria, cun incremento dun 20% que se consolidou este exercicio.

Quérese así darlle resposta á elevada demanda que rexistra cada ano esta liña de axudas. A directora xeral indicou que na actual convocatoria son case 800 os proxectos presentados, o que representa un aumento do 25% con respecto a 2022.

Do total das axudas concedidas o pasado ano, 224, máis da metade impulsáronas entidades da provincia de Pontevedra, a máis participativa no Plan específico de acción comunitaria e que en 2022 sumou 139 colectivos beneficiarios e un importe de 1,8M€ concedidos. No conxunto de Galicia as comunidades de usuarios de augas foron as que recibiron a maior contía, con case 1,4M€ que se distribuíu entre 111 entidades. A maiores, 107 asociacións de veciños dispuxeron de 1,5M€ e seis de mulleres rurais obtiveron preto de 60.000 euros.

Dúas liñas subvencionables

Como novidade na convocatoria deste ano, entre os proxectos subvencionables inclúense dúas liñas, unha dotada con 2,5 millóns de euros para obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais sociais onde as entidades veciñais e de mulleres rurais desenvolven a súa actividade e para obras de mellora, reforma e reparación de infraestruturas e instalacións das traídas de auga comunitarias promovidas por comunidades de usuarios de augas.

Os 500.000 euros restantes da outra liña financian a adquisición de equipamento necesario para o funcionamento das organizacións beneficiarias. En concreto, mobiliario, material de oficina, equipamento informático ou acústico e audiovisual ademais doutros recursos para actividades específicas.

Desde a súa posta en marcha, en 2016, a Xunta leva investido no Plan preto de 16 millóns de euros cos que se apoiaron máis de 1.300 proxectos en toda Galicia.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/03/2023