O secretario xeral de Política Lingüística presenta a programación deste ano

O programa de dinamización lingüística FalaRedes arranca a súa XII edición coa obra “Castelao”, que potencia a mirada feminina nas montaxes teatrais

A peza de Culturactiva Producións, que inaugura a programación do Falaredes 2023, está escrita, dirixida e interpretada por mulleres

A estrea será o vindeiro domingo 19 en Teo e durante o próximo mes visitará O Barco de Valdeorras, Viveiro, Boiro, Vilalba, Vilagarcía de Arousa, O Porriño, Monforte de Lemos e Porto do Son

Ao longo do ano sumaranse novas actividades de ocio en galego para distribuír entre os máis de 200 concellos membros da Rede de Dinamización Lingüística

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2023 Como cada ano a Xunta de Galicia bota a andar o programa de dinamización lingüística FalaRedes, pensado para encher o tempo de lecer con actividades en galego entre os máis de 200 concellos e agrupacións pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística. Así o anunciou esta mañá en rolda de prensa o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen participou na presentación da XII edición desta iniciativa, que abre a súa programación do 2023 coa peza Castelao, de Culturactiva Producións, escrita, dirixida e interpretada por mulleres. 

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades mostrouse satisfeito de abrir “o programa de dinamización lingüística FalaRedes 2023 cunha peza dedicada a Castelao cos obxectivos de fomentar o coñecemento dunha das figuras máis relevantes da cultura galega e en galego do século XX; potenciar a mirada feminina nas montaxes teatrais; promover o consumo de produtos culturais en galego do público familiar; proporcionarlles aos nenos e nenas unha experiencia de ocio positiva ligada á lingua galega e, en definitiva, contribuír á normalización e difusión da lingua galega nas idades máis novas e no contexto familiar e cultural”. 

Canda Valentín García tamén interviñeron na presentación, que acolleu o compostelán Pazo de San Roque, as actrices Mónica Camaño e Cris Collazo, encargadas de dar vida ao propio Castelao e demais personaxes da peza.

Primeira obra sobre Castelao dirixida á cativada

Castelao é a primeira obra sobre o autor de Rianxo dirixida á infancia, en concreto a un público de seis a 10 anos e ás súas familias. Con texto de Paula Carballeira e dirección de Fina Calleja, a peza presenta un Castelao de oito anos feliz e aventureiro na súa vila natal. 

Trátase dunha montaxe de ritmo trepidante na que a tensión dramática cabalga sobre o lombo dunha persecución polas rúas de Rianxo nas horas previas á partida cara Arxentina do escritor e a súa nai. Ademais, para facer aínda máis atractiva a representación, os diálogos de ficción introducen elementos marabillosos combinados con elementos recoñecibles da obra de Castelao, cos que o elenco, a música e o deseño de iluminación xogan creando un espectáculo cheo de plasticidade, cor e ritmo. 

A obra estréase o vindeiro domingo 19 ás 12,00 h no Auditorio Constante Liste de Teo. Despois iniciará unha xira que a levará a visitar O Barco de Valdeorras (Auditorio Lauro Olmo) o 31 de marzo ás 19,30 h; Viveiro (Teatro Pastor Díaz) o 14 de abril ás 18,00 h; Boiro (Casa da Cultura Ramón Martínez López) o 15 de abril ás 19,00 h; Vilalba (Auditorio Carmen Estévez) o 16 de abril ás 18,00 h; Vilagarcía de Arousa (Auditorio Municipal) o 22 de abril ás 18,00h; O Porriño (Centro Cultural) o 28 de abril ás 17,00 h; Monforte de Lemos (Edificio Multiúsos) o 29 de abril ás 18,00 h e Porto do Son (Casa da Cultural de Portosín) o 30 de abril ás 19,30 h. 

Como en cada actividade do FalaRedes, a entrada será de balde e a información completa pode consultarse no Portal da Lingua Galega. 

Ademais, ao longo do ano a Consellería de Cultura seguirá engrosando a oferta de actividades de ocio en lingua galega para distrubuír entre os distintos concellos pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística.

FalaRedes

FalaRedes é un programa de dinamización da lingua galega da Secretaría Xeral de Política Lingüística que se desenvolve en entidades locais pertencentes á rede. Os seus obxectivos son ampliar a oferta de ocio no noso idioma, reforzar a oferta de actividades en galego dos concellos adscritos, promover o uso e valoración positiva da lingua propia de Galicia e apoiar os e as artistas que desenvolven o seu traballo nela.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 16/03/2023