As medidas de fomento do retorno da Xunta contribúen a reverter a tendencia ascendente do número de galegos do exterior, que se sitúan en 527.449

Baixan por primeira vez os galegos que viven no estranxeiro polo descenso dos nados en Galicia

O total de galegos do exterior diminúen dos 529.038 aos 527.449 actuais, e os que naceron na comunidade pasan de 136.962 a 131.446

O 24,9 % dos galegos residentes no exterior naceron en Galicia, mentres o 73,6 % naceron xa no estranxeiro

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2023

As medidas de fomento do retorno da Xunta de Galicia contribúen a reverter a tendencia ascendente do número de galegos do exterior, que se sitúa así nos 527.449 fronte aos 529.038 do ano anterior.

O Instituto Nacional de Estatística (INE) vén de facer públicos os datos do Padrón de Españoles Residentes no Estranxeiro (PERE), a 1 de xaneiro de 2023, que constata un cambio na tendencia do continuo incremento da poboación galega incscrita no PERE, que diminúe en 1.589 persoas con respecto ao ano anterior. En relación co resto de España, o peso dos inscritos por Galicia segue a disminuir, pasando do 24 % en 2009 ao 18,9 % en 2023.

Ademais, os datos do 1 de xaneiro de 2023 evidencian que o número de galegos do exterior nados en Galicia continúa a descender, consolidando así a tendencia iniciada hai xa oito anos.

Deste xeito, o número de emigrantes (galegos nados en Galicia residentes no exterior) pasa dos 136.962 que había inscritos en 2022 aos 131.446 que hai actualmente, baixando en 5.516, producíndose, á vez, un cambio de tendencia na poboación galega que reside no exterior que baixa dos 529.038, aos 527.449.

Os datos aportados polo PERE destacan que Arxentina segue a selo país con maior número de galegos residentes, 189.499, seguida por Brasil (50.333) e por Cuba (46.968). O cuarto país do mundo en número de galegos, e primeiro de Europa é Suíza con 41.121. Francia, Alemaña e Reino Unido completan a lista de países con maior colectividade galega no continente europeo.

Segundo o lugar de nacemento, aumentou a porcentaxe de nacidos no estranxeiro nas novas inscricións recollidas en 2023, situándose no 86,4 %, sendo Arxentina e Cuba os países co maior número de novas inscricións. O 24,9 % dos galegos residentes no exterior naceron en Galicia (fronte ao 42,44 % de 2009), mentres o 73,6 % naceron xa no estranxeiro.

Data de actualización: 16/03/2023