A Xunta pon en valor o traballo do Servizo de prevención e extinción de incendios no coidado e defensa dos montes galegos

O director xeral de Defensa do Monte participou no acto de homenaxe aos falecidos durante as tarefas de extinción de lumes que organizou Aprafoga

Durante o acto, presentouse unha escultura na honra dos tres últimos pilotos de aeronaves falecidos na Serra do Xurés e en Pena Trevinca

Lobios (Ourense), 17 de marzo de 2023

O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, participou esta mañá en Vilameá, no concello de Lobios, no acto de homenaxe aos profesionais falecidos na extinción de incendios forestais. Neste acto, organizado pola Asociación Profesional de Axentes Forestais e Medioambientais de Galicia (Aprafoga), puxo en valor o traballo e entrega de todos os integrantes do Servizo de prevención e extinción dos incendios de Galicia no coidado e defensa dos nosos montes.

 

Neste senso, o director xeral lembrou que dito Servizo está composto por un dispositivo profesional, áxil e versátil, sendo un dos máis destacados a nivel nacional. Así, agradeceu o labor que desenvolven os seus efectivos, non só durante a extinción de incendios, senón tamén no relativo á preparación do territorio fóra da tempada de alto risco. Nesa liña, Manuel Rodríguez tivo palabras de recoñecemento e agradecemento para os efectivos falecidos mentres desempeñaban o seu encomiable labor e lembrou que os traballadores deste Servizo son imprescindibles na protección do noso patrimonio forestal.  

 

Durante o acto, descubriuse unha escultura na honra dos tres últimos pilotos de aeronaves falecidos, dous perderon a vida na Serra do Xurés no ano 2020, e o terceiro faleceu o pasado ano na zona de Pena Trevinca.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/03/2023