A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, xunto co delegado da Xunta en Ourense, supervisou a posta en servizo da nova fonte, que reforza a identidade da cidade como referente termal

Ethel Vázquez salienta o traballo da Xunta de posta en valor da zona da Ponte Romana e da capela dos Remedios de Ourense, ao que se suma a fonte termal e que se verá completado co eixe de mobilidade sostible

Vázquez Mourelle destaca que a fonte termal ten un deseño integrado na paisaxe, conformando unha peza que dialoga coa contorna e que conecta o pasado, o presente e o futuro da cidade, reforzando a súa imaxe de referente en termalismo

Destaca que a intervención forma parte e completa a mellora que a Xunta realizou nesta parte emblemática da cidade en distintas fases cun investimento de 1,6 M€

A infraestrutura é de pedra de granito, con parede semicircular da que mana a auga termal que se precipita sobre a pía semicircular e conta cunha iluminación “elegante”

A conselleira subliña que o potencial da zona histórica se verá acrecentado cando estea completado o eixe de mobilidade sostible que conectará a cidade de norte a sur a través de 5,1 km de sendas e un investimento superior aos 7 M€

Avanza que antes do remate do mes se licitarán as principais actuacións do itinerario, acadando unha mellor conexión entre a Ponte Romana e a senda do Barbaña, cun paso para peóns e bicicletas na avenida Pardo de Cela

Ourense, 20 de marzo de 2023 A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou hoxe o traballo da Xunta de posta en valor da contorna da Ponte Romana e da capela dos Remedios de Ourense, ao que se suma agora a fonte termal e que se verá completado co novo eixe de mobilidade sostible. 

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, supervisou hoxe a posta en servizo da nova fonte termal na contorna da Ponte Romana e da capela dos Remedios. 

Sinalou que esta intervención se enmarca nos traballos de mellora que a Xunta vén realizando nesta parte emblemática da cidade para reforzar o seu atractivo turístico e que os veciños de Ourense gañen espazos urbanos para o seu desfrute diario. 

Subliñou que a Xunta destinou un investimento autonómico de 1,6 M€ a estes traballos de posta en valor, executados en dúas fases. Precisou que foi durante a 2ª fase das obras cando se identificou un foco de auga termal na contorna da Capela dos Remedios, onde se actuou para poñelo agora á disposición de veciños e visitantes, completando as actuacións realizadas.  

Neste sentido, indicou que se puxo en servizo unha fonte termal ornamental, cun orzamento de 120.000€, integrada na paisaxe e neste espazo público renovado da capela dos Remedios e da propia Ponte Romana. 

A fonte consta dun deseño sinxelo e integrado na paisaxe, conformando unha peza que dialoga coa contorna e conectando o pasado, o presente e o futuro da cidade, reforzando a súa imaxe e identidade como referente termal. A infraestrutura é de pedra de granito, con parede semicircular da que mana a auga termal que se precipita sobre a pía semicircular.  

Tamén se dotou a fonte dunha iluminación elegante, colocada na base dos bancos que delimitan este espazo. 

Ethel Vázquez lembrou que a Xunta segue traballando para revalorizar toda a zona histórica, un potencial que se verá acrecentado cando estea completado o eixe de mobilidade sostible que conectará a cidade de norte a sur a través de 5,1 km de sendas e un investimento superior aos 7 M€.  

Para isto, o Goberno galego vén de aprobar o proxecto do treito entre a intermodal e a Ponte Vella, que se corresponde co acondicionamento da avenida das Caldas; e tamén o proxecto dos Remedios e Expourense, ao longo do Barbaña.  

Avanzou que antes do remate do mes se licitarán xa as obras das principais actuacións deste gran itinerario, co que tamén se conseguirá unha mellor conexión entre a Ponte Romana e a senda do Barbaña, cun paso para peóns e bicicletas na avenida Pardo de Cela. 

Fixo fincapé na aposta pola mobilidade sostible e lembrou que a Xunta segue construíndo cidade, tras a posta en funcionamento da estación de autobuses intermodal e da modernización dos servizos de autobús, que cómpre agora que se complete coa parte da terminal ferroviaria, responsabilidade do Ministerio de Transportes; ou a mellora da seguridade viaria das rúas de Otero Pedrayo, Marcelo Macías ou a estrada de Seixalbo, recollidas no acordo asinado entre Xunta e Concello a finais de 2018.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/03/2023