A Xunta convoca os premios extraordinarios de Formación Profesional de grao superior aberto a todos os alumnos que remataron estudos en 2022

Estes galardóns, cunha dotación de 1.000 € por premiado, teñen como obxectivo recoñecer o esforzo e o bo aproveitamento académico deste alumnado

O prazo para presentación de solicitudes estará aberto ata o día 20 de abril

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2023

A Xunta de Galicia vén de convocar os premios extraordinarios de Formación Profesional de Grao Superior correspondentes ao curso 2021/2022 para o alumnado que rematou os seus estudos no ano 2022.

 

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade convoca ata 23 premios extraordinarios, un por cada familia de Formación Profesional de grao superior implantada en Galicia. Poderán optar a estes premios os estudantes que obtiveran unha cualificación final do ciclo formativo igual ou superior a 8,5 puntos, entre outros requirimentos.

 

O prazo de presentación de solicitudes para optar aos galardóns estará aberto ata o día 20 de abril. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, ou directamente desde a propia aplicación PremiosEdu.

 

O obxectivo destes galardóns é recoñecer publicamente os méritos excepcionais baseados no esforzo e no traballo do alumnado que cursou cun excelente resultado académico estudos de Formación Profesional de grao superior en Galicia e enmárcanse dentro das diferentes accións que leva a cabo a Xunta para a posta en valor e fomento da excelencia dentro do sistema educativo galego.

 

A dotación orzamentaria para estes premios é de 23.000 euros que se distribuirán entre os galardoados na mesma contía, de 1.000 € por alumno. Ademais da correspondente dotación económica, a obtención destes premios dálle dereito ao alumnado a concorrer, logo de inscrición, ao correspondente Premio Nacional de Formación Profesional de grao superior

Data de actualización: 20/03/2023