A Xunta garante praza educativa para todos os alumnos afectados pola decisión de Aspaber de pechar o centro de educación especial de Carballo
O conselleiro de Educación sinala no Parlamento que o seu departamento está traballando na busca da “mellor solución para atender as necesidades de cada alumno”
Román Rodríguez lanza unha mensaxe de tranquilidade ás familias ante a decisión unilateral deste centro de non renovar o concerto vixente desde 2017
A Xunta de Galicia vai garantir praza educativa a todos os alumnos afectados polo peche do centro de Educación Especial Aspaber, de Carballo, logo de que esta entidade decidira, de xeito unilateral, non renovar o concerto vixente desde o ano 2017.
O titular de Educación ofreceu a “total colaboración” coas familias, cuxos fillos teñen garantida unha praza o vindeiro curso 2023-24. Así pois, a Xunta adoptará as medidas necesarias para blindar a normal continuidade do proceso de escolarización do alumnado afectado polo cese de actividade do centro.
Decisión unilateral allea á Consellería
O Centro de Educación Especial Aspaber, de Carballo, conta con concerto educativo desde o ano 2017, e neste curso ten tres unidades concertadas que atenden a 20 menores de 21 anos. Foron os xestores da asociación os que, de xeito unilateral, tomaron a decisión de non presentar solicitude para a renovación do concerto, que expira este ano.