O Programa galego de prevención e control da Tuberculose consegue reducir a incidencia da enfermidade en case un 40 %

A incidencia da enfermidade en Galicia reduciuse nun 39,4 %, se se comparan os datos do ano 2015 e 2021

A derradeira análise da Consellería de Sanidade revela un novo perfil de paciente coa presentación de casos en idades máis avanzadas, e con outras patoloxías asociadas

Desde o ano 1996 o número total de casos vencellados á tuberculose en Galicia descendeu nun 82 %, pasando de 1.963 casos a 353 no 2021

Vigo, 24 de marzo de 2023 O secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, Alberto Fuentes Losada; participou esta tarde en Vigo, na XXVIII Reunión Galega de Tuberculose e Infeccións Respiratorias, unha xuntanza na que puxo en valor a consecución dos obxectivos do Programa galego de prevención e control da Tuberculose, ao lograr rebaixar a incidencia desta enfermidade nun 39,4 %, se se comparan os datos do ano 2015 e do ano 2021.

Deste xeito, a Dirección Xeral de Saúde Pública cumpre amplamente cos obxectivos establecidos no programa galego, no que se fixaba acadar un descenso do 25 %, na comparativa entre os datos do ano 2015 e do ano 2020.

Con motivo do Día Mundial da Tuberculose, Alberto Fuentes remarcou que Galicia conta cun programa de prevención e control da enfermidade “perfectamente estruturado, que está dotado cun sistema epidemiolóxico de vixilancia específico, e ao que hai que engadir o traballo, esforzo e coordinación dos profesionais da sanidade galega”.

Nesta liña, apuntou que os datos favorables que rexistra a Comunidade galega no seu control son produto de, entre outras medidas: a creación das sete Unidades de tuberculose, a formalización do Laboratorio de Referencia de Micobacterias de Galicia, a incorporación de equipos de traballo social; ou a creación da Comisión galega para a avaliación do manexo da tuberculose resistente a fármacos.

No acto, no que tamén participaron o xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente Prieto; e o presidente da Sociedade Galega de Patoloxía respiratoria, Alberto Fernández Villar; Fuentes Losada incidiu en que “debemos seguir traballando de maneira coordinada”, e salientou que, malia os bos datos, “non se pode baixar a garda no control e prevención da enfermidade”.

Neste senso, avogou por incorporar diferentes estratexias de intervención que a completen, dun xeito prioritario, en catros aspectos: o mantemento da pericia clínica e de saúde pública nun período de diminución de casos; a diminución nos tempos de diagnóstico, o estudo dos contactos dos casos de tuberculose e, finalmente; na prevención do desenvolvemento da enfermidade na poboación vulnerable que vive en Galicia con infección tuberculosa.

Situación actual da Tuberculose en Galicia

A tuberculose é unha enfermidade da que se ten constancia desde o ano 1882, cando o doutor Robert Koch descubriu a bacteria que produce esta patoloxía. Así, trátase da patoloxía infecciosa máis prevalente no mundo, e representa un dos maiores problema de saúde pública (non só un problema individual), dado que se trata dunha enfermidade contaxiosa por vía aérea e, un enfermo sen tratar, implica o risco de transmisión ao resto da comunidade.

Segundo se desprende da derradeira análise realizada pola Dirección Xeral Saúde Pública, desde o ano 1996 o número total de casos vencellados á tuberculose en Galicia descendeu nun 82 % -pasando de 1.963 casos a 353 no 2021-, ou o que é o mesmo, a incidencia reduciuse do 71,8 a 13,1 casos por 100.000 habitantes.

Entre outros datos, tamén revela a observación dun novo perfil de paciente, ao presentarse casos en idades máis avanzadas e con outras patoloxías asociadas, sobre todo, aquelas que afecta ao sistema inmunitario.

O estudo reflicte que no 2021 preto do 60 % dos casos presentáronse en homes e, atendendo aos grupos de idade, a incidencia máis alta rexistrouse nos maiores de 74 anos. Así mesmo, o 3,1 % foron nenos (menores de 15 anos), a menor porcentaxe da serie histórica.

Entre os factores de risco da enfermidade, destacase como o principal o tabaquismo, presente no 23,5 % dos casos. Así, o estudo tamén constata a curación do 96,7 % dos casos, que iniciaron o tratamento no 2020.

Outros indicadores do bo control que se fai na nosa Comunidade refírense á baixa porcentaxe da tuberculose multirresistente aos fármacos antituberculosos e o alto índice de resultados satisfactorios dos tratamentos instaurados.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/03/2023