A Xunta avanza na restauración do mosteiro de San Salvador de Camanzo, que xa rolda o 50 % de execución da súa mellora, na que se invisten 273.000 €
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, supervisou esta mañá o desenvolvemento dos traballos, acompañado polo alcalde de Vila de Cruces, Luis Taboada, e anunciou que as previsións apuntan ao seu remate para o vindeiro verán
A actuación consiste na conservación e mantemento dos seus sistemas construtivos, a corrección de humidades, a limpeza de muros e edificacións, a restauración das zonas máis deterioradas da reitoral, a colocación de luminarias no patio do claustro e a realización dun inventario, entre outras
A Consellería de Cultura prevé, a medio prazo, o deseño dun Plan Director orientado a determinar os usos axeitados para este cenobio co obxectivo de garantir a súa conservación sostible e favorecer que sexa empregado polos cidadáns
Vila de Cruces, 27 de marzo de 2023 A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, está a avanzar nas obras de restauración e conservación do Mosteiro de San Salvador de Camanzo, no Concello de Vila de Cruces, posto que xa rolda o 50 % da execución desta mellora, na que se invisten 273.000 euros.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou esta mañá do estado da actuación nunha visita de supervisión ao desenvolvemento dos traballos, na que estivo acompañado polo alcalde cruceño, Luis Taboada, e por outros representantes municipais e na que anunciou que as previsións apuntan a que os mesmos estarán rematados o vindeiro verán.
A actuación impulsada neste cenobio é de gran calado e oriéntase a dotar ao conxunto eclesiástico de seguridade estrutural, ao tempo que facilita a visita pública a este monumento por parte dos cidadáns.
Por elo, a intervención que se está a desenvolver contempla traballos de conservación e mantemento, onde tamén se corrixen os efectos do deterioro causados polas humidades e se acomete a reparación das filtracións de auga.
Para o resto do complexo, a obra inclúe a limpeza xeral de muros do patio, da contorna das edificacións e da zona do atrio, garaxe e sancristía, a reconstrución do actual forxado da casa reitoral na zona da antiga lareira para a súa posterior restauración seguindo as técnicas construtivas tradicionais e a colocación de luminarias no patio do claustro mediante lámparas con tecnoloxía Led.
Tamén se proxecta a conservación dos edificios auxiliares de uso agrícola e os fornos abertos ao patio, do ámbito relacionado coa antiga cociña, a revisión da estrutura do corredor exterior e a limpeza, acondicionamento e conservación do patio. Neste caso, prestarase especial atención ao tratamento fitosanitario da vide centenaria que hai neste espazo, reconstrúese a viña orixinal seguindo as técnicas tradicionais e aplicarase un tratamento preventivo necesario para garantir a súa supervivencia.
Así mesmo, a actuación abranguerá a restauración das portas que dan ao patio, a reparación das humidades que aparecen no ábside da igrexa e a colocación dunha gárgola de chumbo para manter seca a fachada do templo, así como a retirada dos elementos de formigón do lagar.
A maiores, estase a facer, de xeito paralelo ás obras, un rexistro e inventario dos elementos, obxectos, enseres e pezas de interese etnolóxico, histórico, artístico e relixioso que se conservan neste mosteiro, especialmente aqueles que se atopan nos locais de uso agrícola e que están vencellados ao patio.
Deste xeito, e cando se rematen estas obras de conservación, a Consellería de Cultura ten previsto, a medio prazo, a elaboración e deseño dun Plan Director orientado a determinar os usos axeitados para este cenobio co obxectivo de garantir a súa conservación sostible e favorecer que sexa empregado e visitado habitualmente polos cidadáns.