A Xunta concede axudas a 50 concellos para auditar as súas redes de saneamento, mobilizando un investimento de máis de 700.000 €

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a listaxe dos incentivos outorgados a municipios de ata 50.000 habitantes para que poidan identificar os problemas das redes, as entradas de augas brancas ou os puntos de alivio nos seus sistemas de saneamento

Estas axudas subvencionan o 80 % do investimento, cun límite de 15.000 € por municipio

Augas de Galicia pon á disposición das administracións locais un modelo de auditoría e protocolo de inspeccións das redes de saneamento e recomendacións para a súa realización

A Xunta mantén o seu apoio técnico e económico aos municipios para mellorar a prestación dos servizos da auga, de competencia municipal, reforzado coa Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, en vigor desde setembro

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2023 A Xunta concede axudas a 50 concellos para auditar as súas redes de saneamento, mobilizando un investimento total de máis de 700.000 euros.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución das axudas concedidas para a realización de auditorías municipais das redes de saneamento para a detección de infiltracións.

No seguinte enlace ao DOG pode consultarse toda a información relativa a esta resolución, así como a listaxe dos municipios beneficiados por estes incentivos impulsados a través de Augas de Galicia: http://xurl.es/rce4n.

O obxectivo é que os municipios conten cun instrumento básico para a detección e corrección de problemas nas súas redes de saneamento e acadar un funcionamento máis eficiente das redes municipais.

Estas axudas están dirixidas aos concellos de ata 50.000 habitantes e subvencionan o 80 % dos investimentos, cun límite de 15.000 € por municipio.

Trátase de contribuír a que as entidades locais poidan identificar os problemas das súas redes de saneamento, as principais entradas de augas brancas que teñen nos seus sistemas de depuración ou os puntos de alivio.

Deste xeito, para facilitar o traballo aos municipios, a entidade hidráulica da Xunta pon tamén á disposición dos concellos un modelo de auditoría e protocolo de inspeccións das redes de saneamento, así como recomendacións para a súa realización.

A Xunta calcula que a porcentaxe media de infiltracións nas redes de saneamento se atopa no entorno do 40-50 %, podendo incluso, nalgúns casos, chegar ata o 90-95 %.

O Goberno galego segue axudando aos concellos na mellor prestación dos servizos da auga, unha competencia municipal, segundo establece a Lei de bases de réxime local. Este apoio vese reforzado grazas á Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga que entrou en vigor no mes de setembro.

 

Data de actualización: 28/03/2023