O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, asistiu hoxe á entrega de diplomas e ao balance das actividades realizadas por esta entidade

A Xunta pon en valor o traballo de Cáritas para o acceso ao emprego das persoas en risco de exclusión

O Goberno galego destina máis de 800.000 euros para toda a diocese de Santiago a través da orde de axudas a entidades e con cargo ao 0,7 % do IRPF para a posta en marcha de distintos programas de inclusión social

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2023

O director xeral de inclusión Social, Arturo Parrado, participou hoxe na entrega de diplomas e no balance realizado por Cáritas Interparroquial de Santiago das súas actividades para o fomento do emprego. Durante a súa intervención puxo en valor o esforzo desta entidade para procurar o acceso ao mundo laboral das persoas en risco de exclusión.

 

O director xeral sinalou que estas iniciativas son unha ferramenta imprescindible para acadar a plena inclusión. Por este motivo, lembrou que o Goberno galego apoia ás entidades sociais na posta en marcha de programas que procuren darlle ás persoas en situación de vulnerabilidade facilidades para acceder ao mundo laboral e gañar en autonomía.

 

A Xunta destina 800.000 euros a Cáritas Diocesana de Santiago a través das ordes de axudas a entidades sociais e con cargo ao 0,7 % do IRPF. Mediante estes fondos, esta entidade pon en marcha distintos programas destinados á inclusión sociolaboral e á adquisición de competencias básicas e programas de formación en todo o ámbito da Diocese, entre outros. Durante o pasado ano 2022, Cáritas Interparroquial de Santiago atendeu a preto de 1.100 persoas e arredor de 450 accederon a algún tipo de emprego.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/03/2023