A delegada territorial, Martina Aneiros, acompañada polo alcalde, comprobou esta mañá o resultado das obras acometidas no lugar de San Fiz

A Xunta financia con máis de 40.000 euros a construción de dúas pistas de pádel en Mañón

“Estas novas pistas son un exemplo da aposta da Administración autonómica a prol dunha poboación que leve unha vida activa e saudable a través do fomento da práctica da actividade física e da promoción do deporte base en espazos que reúnan todas as condicións necesarias”, sinala a delegada

Mañón (A Coruña), 29 de marzo de 2023 

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde de Mañón, Alfredo Dovale, comprobou esta mañá o resultado dos traballos de construción de dúas pistas de pádel no municipio que contaron cunha achega da Vicepresidencia segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes de 41.382 euros, o que supón o 80% do custo do proxecto.

Durante a visita ás instalacións situadas no lugar de San Fiz e que xa se atopan a pleno rendemento, Aneiros puxo en valor o apoio da Xunta aos Concellos na mellora das prestacións dos seus servizos, tamén relacionados co deporte.

“Estas novas pistas son un exemplo da aposta da Administración autonómica a prol dunha poboación que leve unha vida activa e saudable a través do fomento da práctica da actividade física e da promoción do deporte base en espazos que reúnan todas as condicións necesarias”, sinalou a delegada territorial.

Dos 44 M€ do orzamento no ámbito deportivo da Vicepresidencia segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, un total de 18 M€ destinaranse a obras de creación e de reforma de instalacións para a práctica do deporte, no marco da colaboración coas entidades locais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/03/2023