A Xunta somete este venres a informe do Consello de Patrimonio o proxecto de demolición do edificio do Garañón

O delegado territorial, Javier Arias, subliña a celeridade dos técnicos da Delegación Territorial no estudo da documentación

Lugo, 29 de marzo de 2023 

O Servizo do Patrimonio Cultural da Delegación Territorial de Lugo estudou e informou en menos de dúas semanas o proxecto de demolición do edificio do Garañón, de urbanización no ámbito do URPI-58 e de restitución ao estado orixinal dos terreos. Este venres someterao ao ditame do Consello Territorial de Patrimonio Histórico de Lugo, órgano consultivo da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que emitirá a resolución.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou “a seriedade e celeridade coa que traballou o Servizo de Patrimonio”. Esto evidencia, apuntou, que “cando se dispón de toda a documentación, os informes saen adiante sen demora, neste e en todos os casos en que actúa a Administración autonómica; non hai marxe para a discrecionalidade”.

Ao respecto, lembrou que a solicitude de informe xunto coa documentación foi entregada polo Concello de Lugo o 17 de marzo, “e o Servizo de Patrimonio da Xunta abordou o traballo desde o primeiro momento coa intención de poder incluílo na primeira reunión do Consello de Patrimonio, que se celebran o último venres de cada mes”. 

Data de actualización: 29/03/2023