A Xunta solicita como medida preventiva a declaración da situación 2 no incendio forestal activo en Baleira, parroquia de Cubilledo

A situación operativa neste incendio -que supera as 120 hectáreas provisionais- decrétase pola proximidade do lume ao núcleo do Fórneas

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2023

A Consellería do Medio Rural vén de solicitar a declaración como medida preventiva da Situación 2 no incendio forestal activo arestora no concello lugués de Baleira, parroquia de Cubilledo. Esta situación operativa de emerxencia declárase pola proximidade do lume ao núcleo do Fórneas.

Este incendio iniciouse ás 17,04 h. de onte e , segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de máis de 120 hectáreas. Ata o momento mobilizáronse para controlalo 3 técnicos, 13 axentes, 27 brigadas, 13 motobombas, 1 pa, 2 avións e 3 helicópteros.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

 
Data de actualización: 29/03/2023