A Xunta activa para mañá alerta laranxa por temporal costeiro no litoral da Coruña e por vento no noroeste coruñés e na Mariña de Lugo

Agárdase mar combinada do oeste con ondas de ata 6 metros e vento do suroeste forza 8

Os ventos no noroeste da Coruña e na Mariña de Lugo acadarán rachas de ata 100 km/h

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese
 

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2023

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Segunda da Xunta activou para mañá alerta laranxa por temporal costeiro no litoral oeste e noroeste da Coruña e por vento no noroeste coruñés e na Mariña de Lugo. Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o fenómeno meteorolóxico por ventos comezará a media mañá do xoves 30 e o costeiro a partir das 15,00 horas. 

No caso do temporal costeiro, agárdase mar combinada do oeste con ondas de ata 6 metros e vento do suroeste forza 8. Canto á alerta laranxa por vento no noroeste da Coruña e na Mariña de Lugo, agárdanse rachas de ata 100 km/h.  

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. 

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións. Ante a alerta por vento, sinálase ademais a necesidade de seguir as medidas de protección, como retirar os obxectos que poidan caer á rúa desde os tellados, balcóns e fiestras, e evitar pasar preto de edificios en ruínas ou en construción, de árbores, de paneis publicitarios e de obxectos susceptibles de desprazarse con vento. 

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

Data de actualización: 29/03/2023