As conselleiras de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e do Mar reuníronse esta semana co profesor emérito e especialista para a UE Michel Prieur

A Xunta expón as bases da futura Lei do litoral ante un dos maiores expertos europeos en dereito ambiental

Trasládanlle a transcendencia para Galicia desta norma, pioneira en España, polo peso e a importancia que ten a costa desde o punto de vista económico, patrimonial e social

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2023

A Xunta de Galicia compartiu esta semana os piares básicos da futura Lei de ordenación do litoral cun dos maiores especialistas europeos en dereito medioambiental e colaborador de referencia neste eido para distintos organismos da UE, Michel Prieur.

Aproveitando a súa presenza en Galicia para participar como convidado en varias conferencias e foros, as conselleiras de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e do Mar, Rosa Quintana, reuníronse o mércores co profesor Prieur para abordar o contido do proxecto lexislativo co que Galicia aspira a ser a primeira Comunidade en regular a súa franxa litoral en toda a súa extensión.

Acompañadas tamén polos membros do Observatorio do Litoral de Galicia, Javier Sanz e Marta García, as conselleiras trasladáronlle ao experto francés a transcendencia que terá para a Comunidade a futura norma, que xa completou o trámite de información pública e audiencia e está previsto que sexa aprobada polo Consello da Xunta antes do verán, para remitila a continuación ao Parlamento co fin de completar a súa tramitación.

Tras incidir en que os obxectivos principais da lei son “ofrecer seguridade xurídica” e abordar a xestión integral da costa por “quen mellor a coñece”, Ángeles Vázquez subliñou que se trata dunha norma clave para unha Comunidade que conta con 2500 quilómetros de costa e 82 concellos litorais nos que residen 1,5 millóns de persoas e na que o mar xoga un papel clave desde o punto de vista económico, patrimonial e social.

De feito, Rosa Quintana referiuse ao peso da cadea mar-industria na economía de Galicia e incidiu na necesidade de garantir a continuidade na franxa costeira de actividades que requiren da proximidade ao litoral para ser rendibles e que teñen demostrado ser respectuosas co medio ambiente.

Michel Prieur, profesor emérito da Universidade de Limoges e doutor honoris causa por varias universidades de Europa e Arxentina, impartiu esta mañá no Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia unha conferencia sobre xestión integrada das zonas costeiras e o mércores estivo na Cidade da Cultura para falar do Convenio europeo da paisaxe, en cuxa redacción participou como experto internacional.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/03/2023