A Xunta impulsará a restauración e posta en valor do templete de Palacios do Porriño con máis de 250.000€

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, avanzou esta colaboración nunha recente visita onde salientou o carácter “emblemático para o patrimonio galego” desta peza
 

O Porriño (Pontevedra), 30 de marzo de 2023 A Xunta de Galicia restaurará o templete da Rede de San Luis, peza da autoría de Antonio Palacios, situada no Porriño, para o que se destinará un investimento de máis de 250.000€. Así o avanzou o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez que visitou esta peza arquitectónica co alcalde, Alejandro Lorenzo, para comprobar o seu estado actual.

O titular de Cultura salientou o carácter “emblemático” do templete, autoría “dun galego convertido nunha figura imprescindible da arquitectura e nun urbanista de referencia”. Neste sentido, referiuse ao compromiso da Xunta por “poñer en valor e divulgar o legado que Palacios ten en Galicia, no que este templete ocupa un lugar destacado que merece ser valorado”.

A estrutura está visiblemente deteriorada pola entrada de auga nas xuntas e presenza de ferro oxidado debido, sobre todo, á ausencia dun elemento de cubrición. Tamén se aprecian manchas de oxidación, presenza de prantas superiores e pátina biolóxica de liques. Por iso, como explicou Román Rodríguez, as actuacións previstas consistirán na reparación dos danos nos elementos construtivos de paramentos, fachadas, cuberta e acadados, así como a renovación do pavimento e o ámbito urbano inmediato á peza arquitectónica de Palacios.

Construído en 1919

O templete foi construído en 1919 por Antonio Palacios para acceder á estación de metro na Gran Vía en Madrid. Está incluído no proxecto que lle encargou en 1917 a Compañía Metropolitana e que comprendía o deseño e a decoración de todos os espazos interiores e exteriores da liña Sol-Vendas. A construción orixinal contaba cun ascensor no seu interior que quedou en desuso despois de colocarse as escaleiras mecánicas. Isto acelerou a súa desmontaxe en 1970. Foi posteriormente enviado ao Porriño por ser a cidade natal do arquitecto, despois de varias alternativas para a súa localización en Madrid e na actualidade está colocado no Campo da Feira.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/03/2023