A Xunta destinará preto de 132.000 euros á urbanización exterior e rehabilitación do centro social de Vilalvite en Friol

O conselleiro do Medio Rural comprometeuse co alcalde desta localidade lucense a financiar estes traballos, nunha xuntanza nos últimos días na que estiveron acompañados pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

Con estas actuacións búscase mellorar infraestruturas para satisfacer as necesidades da veciñanza, mellorando as súas condicións de vida e potenciando e estimulando o seu arraigamento sobre o territorio

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, mantivo un encontro nos últimos días co alcalde de Friol, José Ángel Santos, no que se comprometeu a financiar a urbanización exterior e rehabilitación do centro social de Vilalvite cunha axuda do Goberno galego de case 132.000 euros.

 

Trátase de mellorar as instalacións, actualmente deterioradas, para que ofrezan condicións de seguridade, salubridade e habitabilidade adecuadas para que os veciños poidan gozar delas. Nesa liña, é unha intervención que procura realizar a rehabilitación, reconstrución ou recuperación de edificacións, infraestruturas ou espazos públicos singulares, por teren un marcado significado social, cultural ou educativo para a comarca na que se sitúan, co fin de destinalos a un uso público compatible cos seus elementos e características e de satisfacer así as necesidades da veciñanza.

 

O edificio, construído no ano 1970, anteriormente era unha escola unitaria. Logo da súa reforma, destinarase a usos culturais e de reunións, ao servizo da vida social de Vilalvite.

Dese xeito, a iniciativa busca mellorar a calidade de vida da poboación e potenciar e estimular o seu arraigamento sobre o territorio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/03/2023