A Xunta remata as obras de reparación do sistema de bombeo no regueiro Trancoso, no concello de Riós
Augas de Galicia fixo entrega destas infraestruturas hidráulicas á Administración local
A intervención, que contou cun investimento autonómico de preto de 15.000 euros, consistiu no arranxo da bomba desde a que se envía a auga ata o depósito de Vendas da Barreira
A bomba somerxible no leito do río estaba deteriorada, polo que se substituíu o motor, realizouse unha limpeza, reinstalouse e púxose en funcionamento de novo
O Goberno galego tamén prevé executar as obras de renovación e mellora dos sistemas de abastecemento e saneamento no Navallo, cun investimento de preto de 345.000 euros
A Xunta continúa prestando apoio técnico e financeiro aos municipios para que poidan desenvolver as súas competencias de saneamento e abastecemento dun xeito eficiente
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de rematar as obras de reparación do sistema de bombeo no Regueiro Trancoso, no concello de Riós.
A Xunta, a través de Augas de Galicia, entregoulle hoxe as infraestruturas hidráulicas á Administración local.
A intervención, que contou cun investimento autonómico de preto de 15.000 euros, consistiu no arranxo da bomba desde a que se envía a auga ata o depósito de Vendas da Barreira. Trátase dunha bomba somerxible, instalada sobre unha estrutura metálica dentro do leito do río Regueiro Trancoso.
Dado o paso do tempo, este elemento estaba deteriorado, polo que se substituíu o motor, realizouse unha limpeza, reinstalouse e púxose en funcionamento de novo.
Esta actuación súmase a outra prevista pola Xunta para executar as obras de renovación e mellora dos sistemas de abastecemento e saneamento no núcleo do Navallo, que suporán un investimento de preto de 345.000 euros.
A Xunta continúa prestando apoio técnico e financeiro aos municipios para que poidan desenvolver as súas competencias de saneamento e abastecemento dun xeito eficiente.