A delegada territorial, Martina Aneiros, realizou esta mañá unha visita ás obras que se están a acometer na Casa do Mar

A Xunta avanza que o albergue de peregrinos de Ferrol estará concluído a finais deste mes de abril

As actuacións céntranse nestes días no alicatado dos baños e restaría por acometer os remates e os acabados, así como as carpinterías interiores
 

As obras contan cun investimento de 467.000 euros e permitirán a creación de 60 prazas para o aloxamento dos peregrinos do Camiño Inglés
 

Ferrol, 3 de abril de 2023

A Xunta avanza que as obras de construción do albergue de peregrinos de Ferrol estarán concluídas a finais deste mes de abril. A delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do arquitecto do proxecto, Juan Picáns, e responsables da empresa Prace, realizou unha visita para comprobar o estado dos traballos que se atopan moi avanzados.

“As actuacións céntranse estes días no alicatado dos baños e restaría por acometer os remates e os acabados, así como a instalación das carpinterías interiores”, avanzou a representante do Goberno galego. Durante a visita ás obras que se atopan executadas a un 80%, xa se puideron ver as estruturas das liteiras que posteriormente irán revestidas dun panel madeira-cemento.

“Outro dos fitos da intervención será a instalación da pasarela de acceso que vai nunha soa peza”, explicou Aneiros, quen precisou que xa está fabricada e en proceso de galvanización e a previsión é instalala despois de Semana Santa.

As obras do albergue de peregrino de Ferrol contan cun investimento de preto de  500.000 euros da Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia. Permitirán habilitar de 60 prazas -dúas delas adaptadas- para o aloxamento dos peregrinos do Camiño Inglés. Na planta inferior estará situado o acceso a través dunha pasarela propia, a sala común e a oficina, e na planta superior, os dormitorios e os aseos.

 Aneiros apuntou á importancia desta nova infraestrutura para a cidade en tanto Ferrol é un "símbolo do Camiño Inglés", xa que era por Ferrol por onde chegaban por mar peregrinos do Norte de Europa e das illas británicas, para rematar en Santiago
 
Tamén defendeu a idoneidade da localización deste albergue, “moi próximo ao porto, quilómetro cero da nosa ruta xacobea”, dixo, e lembrou que se trata dun dos compromisos do Goberno galego incluídos no Pacto de Estado por Ferrol.

O novo albergue sumarase aos 6 cos que conta a rede pública no Camiño Inglés, a cuarta máis transitada por aqueles que se achegan a Santiago a recoller a Compostela e unha das que nos últimos anos máis está a medrar.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/04/2023