A Xunta adianta o comezo da vacinación contra o Herpes Zoster ao 10 de abril

Neste 2023, vacinarase a poboación xeral que cumpra 65 e 80 anos, é dicir, ás persoas nadas nos anos 1958 e 1943, respectivamente

O labor da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade permite adiantar así en dous meses o comezo dunha vacinación que inicialmente estaba prevista para o mes de xuño

Outras das novidades do calendario de vacinación: a modificación da vacina pneumocócica conxugada, coa incorporación da vacina 20 valente para as persoas de 65 anos; a inclusión da vacina fronte ao rotavirus en lactantes a partir dos dous meses de idade; e a inclusión do anticorpo monoclonal fronte ao virus respiratorio sincitial (VRS) en neonatos e lactantes

 

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2023

A Xunta de Galicia incorporará a partir do vindeiro 10 de abril, a administración da vacina fronte ao herpes zóster, que será administrada de xeito sistemático ás persoas que fagan 65 e 80 anos, cada ano. Deste xeito, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade adianta en 2 meses o comezo dun proceso, cuxo inicio estaba previsto para o mes de xuño.

O pasado 15 de setembro de 2022 a Consellería de Sanidade presentou o “Calendario de vacinación ao longo de toda a vida”, do Programa Galego de Vacinación, que contempla a estratexia para a inmunización en todas as etapas da vida, reforzando o concepto de que a vacinación non remata na infancia.

O “Calendario de vacinación ao longo de toda a vida” actualizarase durante este ano 2023, con novas incorporacións:

A primeira novidade deste calendario será a inclusión da vacina fronte ao herpes zóster (Shingrix®) como vacinación sistemática, na poboación xeral que cumpra 65 e 80 anos. É dicir, neste 2023 vacinarase ás persoas nadas nos anos 1958 e 1943, respectivamente. Así, cada ano vacinarase as persoas que vaian cumprindo 65 e 80 anos.

Ademáis, mantense a administración en persoas de 18 e máis anos pertencentes a grupos de alto risco como son: transplante autólogo de proxenitores hematopoéticos; transplante de órgano sólido, tratamento con fármacos anti-JAK, persoas estables con terapia antirretroviral, hemopatías malignas; e tumores sólidos en tratamento con quimioterapia.

A pauta desta vacina consta de dúas doses, separadas alomenos por 2 meses entre sí.

Novidades no calendario de vacinación

Posteriormente, e de forma secuencial, ao longo do ano 2023 introduciranse outras novidades que xa foron anunciadas:

En concreto, a modificación da vacina pneumocócica conxugada, coa incorporación da vacina 20 valente para as persoas de 65 anos; a inclusión da vacina fronte ao rotavirus en lactantes a partir dos dous meses de idade; e a inclusión do anticorpo monoclonal fronte ao virus respiratorio sincitial (VRS) en neonatos e lactantes durante a súa primeira tempada do VRS.

Previsiblemente, a mediados de ano publicarase a actualización do calendario de vacinación ao longo de toda a vida e a correspondente instrución con estes cambios.

Toda a información técnica atopase na instrución “Recomendacións de vacinación fronte ao herpes zóster”:   https://www.sergas.gal/Saude-publica/Calendario-comun-vacinacion

Data de actualización: 03/04/2023