O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica respondeu na Comisión 8ª a distintas preguntas relacionadas coa actividade da Consellería

A Xunta aposta polo deseño dun plan de xestión da mexilla para optimizar tanto a extracción como o seu aproveitamento

O Executivo galego considera necesario adecuar os tempos de recollida do recurso ao seu estado e localización para acadar o máximo rendemento posible

A Consellería do Mar destaca a importancia de avanzar na simplificación dos trámites da actividade mediante a habilitación dunha aplicación dixital que facilite tamén a dispoñibilidade de datos de extracción e mellore a trazabilidade

Antonio Basanta lembra que nas últimas semanas se abriron máis de 150 quilómetros de costa para a recolección de semente de mexillón, 120 nos portos e máis de 30 en distintos puntos do litoral das provincias da Coruña e Pontevedra

A Administración galega vai seguir mantendo o diálogo tanto coas confrarías de pescadores como coas principais asociacións de produtores de mexillón co obxectivo de avanzar na xestión dos recursos e facilitar a convivencia pacífica de ambos sectores

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2023 O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, defendeu hoxe na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento a necesidade de avanzar cara ao deseño dun plan de xestión da extracción de semente de mexillón. Esta ferramenta, especificou, contribuiría a optimizar a explotación da mexilla e o seu aproveitamento ao adecuar os tempos de extracción ao estado e localización do recurso, “impedindo que se perda por non abrir ou que se leve ás cordas con baixo tamaño por non pechar”.

Así o sinalou en resposta a unha pregunta sobre este tema na que ademais destacou a importancia de avanzar na simplificación dos trámites mediante a habilitación dunha aplicación dixital que contribúa tamén a facilitar a dispoñibilidade dos datos da actividade do sector e a mellorar a súa trazabilidade.  Unha aplicación, subliñou, que permita axilizar as autorizacións -con vixencia para varios anos-, a alta e baixa das persoas autorizadas e xerar, de xeito automático, documentos de transporte e inmersión, entre outras cuestións.  

O representante da Consellería do Mar incidiu en que estas medidas mellorarían o desenvolvemento da actividade e suporían avanzar na adopción de decisións para facilitar o traballo dos profesionais do sector, unhas cuestións que en todo momento están a ser abordadas coas partes implicadas para atender na medida do posible as súas demandas.

De feito, Antonio Basanta lembrou que no último ano a Administración galega e representantes tanto do sector bateeiro como dos percebeiros mantiveron máis de 40 encontros que permitiron avanzar en distintas cuestións. Entre elas, a posta a disposición do sector nas últimas semanas de máis de 150 quilómetros adicionais de superficie para extracción de semente no litoral de Galicia.

Deles, uns 120 quilómetros correspóndense con áreas portuarias susceptibles de acoller mexilla e de ser explotada -de feito rexistráronse arredor dunha vintena de peticións para extraer este recurso nos portos- e o resto son máis de 10 quilómetros de espazo de traballo na zona de influencia das confrarías de Aguiño (Ribeira), Baiona, Bueu, Cangas e O Grove. A isto súmase a apertura recente doutros 22 quilómetros adicionais nas provincias da Coruña e Pontevedra, unha decisión que responde a peticións de asociacións de bateeiros da zona interior da ría de Arousa.

O director xeral de Pesca incidiu en que todas estas medidas buscan optimizar a explotación deste recurso e facelo de forma sustentable, motivo polo que este ano tamén se decidiu retrasar o inicio da campaña de extracción para preservar o estado biolóxico do recurso. Esta decisión, salientou, adoptouse tendo en conta as consideracións trasladadas por distintos profesionais do sector, as recomendacións dun informe emitido polos técnicos da Consellería do Mar e que a mexilla existente no medio era de pequeno tamaño, polo que a súa retirada podía ser prexudicial para a explotación sustentable da especie e implicar dificultades no proceso de fixación.

Os pasos dados na xestión do recurso, subliñou Antonio Basanta, buscan facilitar a convivencia pacífica de ambos sectores -o bateeiro e o percebeiro- e son froito do diálogo aberto desde o primeiro momento pola Xunta tanto coas confrarías como coas principais asociacións de produtores de mexillón, unha liña que vai seguir mantendo no futuro.

Plan de Bruxelas

O representante do Executivo galego tamén abordou o plan de acción presentado por Bruxelas e que prevé, entre outras medidas, restrinxir a pesca de arrastre nas áreas mariñas protexidas xa en 2030 e no 20 % das augas de cada Estado membro en 2024. Neste sentido, defendeu que calquera medida deste calado debe contar cos correspondentes informes biolóxicos e socioeconómicos.

Por iso, expuxo que Galicia apostou desde o primeiro momento pola busca de aliados noutros países con intereses pesqueiros e instou ao Goberno central a traballar nese obxectivo para tratar de frear a posible posta en marcha de normativas para limitar a pesca de arrastre, que tería un importante impacto socioeconómico sobre Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/04/2023