A Xunta desenvolve actuacións preventivas en montes do distrito forestal IX Lugo - Sarria

As accións consisten en melloras de infraestruturas e tratamentos preventivos nos concellos de Castroverde, Láncara, Lugo, Sarria, Guntín e Portomarín
 

En concreto, en traballos de roza, actuacións en faixas auxiliares, en pistas ou en áreas cortalumes
 

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2023 A Consellería do Medio Rural está realizando diversas actuacións preventivas en montes e infraestruturas do distrito forestal IX Lugo-Sarria. En concreto, nos concellos de Castroverde, Láncara, Lugo, Sarria, Guntín e Portomarín.

Así, os traballos consisten no arranxo de camiños forestais mediante a execución de roza, faixas auxiliares, refino, planeo e escavación de cunetas ou colocación de canos nas pistas forestais dos montes de Guntín, Santa Uxea, Entrambasaguas e Pradeda; no concello de Guntín; e Biduedo, Sabadelle e Ferreira, no concello de Portomarín. Estas actuacións abarcan un total de 45,39 hectáreas.
 
Outra das accións que se están a levar a cabo consiste na roza de matogueira e na realización de faixas auxiliares nas marxes de pistas forestais que atravesan os montes dos concellos de Castroverde, Láncara, Lugo e Sarria, incidindo ademais en áreas cortalumes. Con esta actuación búscase evitar a propagación de incendios forestais e facilitar o tránsito polo monte dos medios de prevención e extinción de incendios. Ao igual que as obras anteriores, estas tamén están situadas en zonas declaradas de alto risco de incendios forestais e abarcan unha superficie total, neste caso, de 66,99 hectáreas.
 
Neste senso, cabe salientar que os traballos de creación e mellora das infraestruturas preventivas -como devasas, pistas forestais, puntos de auga, etc.- son elementos clave para reforzar a prevención nos montes galegos e mellorar a súa viabilidade, á vez que nos anticipamos aos incendios e creamos descontinuidades que permiten frear o avance dos lumes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/04/2023