Román Rodríguez insta ao Goberno central a escoitar ás universidades na reforma da ABAU

“Compartimos coas universidades que o cambio da ABAU é apresurado e que faltan garantías”, manifesta no Parlamento de Galicia


A Xunta encargou unha análise técnica das probas piloto, da que se desprende que non se corresponden cun modelo competencial e que os criterios de avaliación son abertos e subxectivos, co cal se incrementará a desigualdade entre os alumnos
 

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, instou hoxe ao Goberno Central a escoitar ás universidades na reforma da ABAU. Nunha intervención no Parlamento de Galicia, o titular do departamento educativo da Xunta lembrou que recentemente as universidades públicas de todo o Estado “teñen manifestado, a través de alegacións, que ven con preocupación a viabilidade de implantar o modelo de avaliación de competencias para o acceso á universidade xa no vindeiro ano”. “Compartimos coas universidades que o cambio da ABAU é apresurado e que faltan garantías”, manifestou.

“Galicia exerce a lealdade institucional, pero non pode calar sobre os asuntos que lle preocupan”, afirmou o conselleiro. Así, xa o manifestamos en varias ocasión ao longo deste proceso de vaivéns que mantén o Ministerio de Educación y FP, ao que pedimos reflexión”, sinalou, lamentando que o proceso actual “é unha cerimonia da confusión para os alumnos e as súas familias”, algo compartido por comunidades de distinto signo político.

 

Proba única e comisión técnica

Román Rodríguez fixo fincapé na petición que leva facendo Galicia desde hai anos dunha proba única en toda España, con criterios homoxéneos de esixencia e corrección. Fronte a isto, as propostas do Ministerio perpetúan un modelo que non soluciona o problema actual, con 17 exames e formas de corrixir diferentes para acceder a un sistema universitario de distrito único.

 

Desde Galicia propúxose comezar de cero, con propostas como un control estandarizado das probas, que permitan homoxeneizar o seu grao de dificultade, e a creación dunha comisión estatal de carácter técnico para homologar as probas de cada comunidade autónoma como paso previo a súa realización. Esta comisión tamén revisaría as cualificacións obtidas en cada territorio co fin de axustar o necesario para preservar a igualdade no acceso á universidade.

 
 

 

Erros no modelo competencial

A Xunta considera imprescindible, ademais, que se aclare a duración do réxime transitorio previsto no borrador de real decreto, así como o calendario de implantación do modelo definitivo.

 

Ademais, da análise feita das probas piloto impulsadas polo Ministerio despréndense novas preocupacións. “Encargamos unha análise a unha comisión de expertos formada por inspectores de educación con experiencia na elaboración de probas, que concluíu que os exames non se corresponden co o que é propiamente unha proba competencial e que os criterios de avaliación son tan abertos e subxectivos que dificilmente poden dispoñer dunhas rúbricas adecuadas para avalialos”, explicou o conselleiro.

Tendo en conta que a previsión do Ministerio é que a ABAU do vindeiro curso 2023-24 teña xa carácter competencial, é preciso resolver este déficit de formación no referente á confección de instrumentos de avaliación deste tipo

Formación específica

En calquera caso, a Xunta está a deseñar unha formación para os inspectores e profesores que forman parte dos grupos de traballo da ABAU, co obxectivo de axudarlles a elaborar e preparar exames que respondan a unha ensinanza competencial conforme aos criterios da LOMLOE.

 

O obxectivo é axudar á comunidade educativa nunha transición pautada cara exames competenciais, tal e como propón o borrador do real decreto que regulará a nova ABAU.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/04/2023