O conselleiro de Educación participa na apertura das Xornadas Anuais da Conferencia de Consellos Sociais das Universidades Españolas

Román Rodríguez destaca o papel dos Consellos Sociais para manter a conexión entre a universidade e a realidade económica e empresarial

Lamenta que a Lei de Universidades entorpeza o papel destes órganos e supoña unha oportunidade perdida en ámbitos como a cogobernanza ou o financiamento

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2023 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou esta mañá nas Xornadas Anuais da Conferencia de Consellos Sociais das Universidades Españolas. O titular do departamento educativo da Xunta destacou o papel destes órganos “na apertura das Universidades á realidade económica e empresarial”, así como na supervisión académica e control académico.

A este respecto salientou que o Sistema Universitario de Galicia xa camiña de xeito decisivo cara un sistema de graos duais, que aproveite as potencialidades que esta modalidade está a demostrar na FP e que intensifique a relación entre o ámbito académico e o tecido socioeconómico.

Román Rodríguez lamentou que a nova lei de Universidades entorpeza as funcións dos Consellos Sociais. “É unha oportunidade perdida para construír a Universidade do futuro, polas présas coas que foi elaborado e pola controversia que xera en aspectos como a cogobernanza, que establece en contra das tendencias europeas ou o financiamento”, explicou o conselleiro.

Neste sentido, lembrou que son varias as Comunidades, de diferente signo político, as que teñen manifestado o seu descontento diante dun novo exemplo de falta de dialogo, tendo en conta que son as administracións autonómicas as que financian ás universidades.

"Estamos moi orgullosos das nosas universidades, que funcionan como un motor conectado á realidade que fai que Galicia avance con máis fortaleza e benestar", afirmou Román Rodríguez. "Queremos que siga sendo unha Universidade aberta e colaborativa co tecido empresarial, para o que seguiremos contando cos Consellos Sociais como parte integral da formación teórico-práctica", rematou.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/04/2023