A Xunta convoca as axudas ás asociacións de nais e pais de centros de Educación Especial

Van destinadas a sufragar tanto actividades como gastos de xestión, administración, adquisición de material non inventariable e mantemento das súas instalacións

As solicitudes poderán presentarse ata o 11 de maio
 

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2023

A Xunta vén de convocar no Diario Oficial de Galicia as axudas a confederacións, federacións e asociacións de nais e pais do alumnado de centros de Educación Especial, cun orzamento total de 60.271€, e co obxectivo de promover a súa actividade.

As axudas van destinadas tanto para a realización de actividades como para sufragar gastos derivados da xestión, administración, adquisición de material non inventariable e mantemento ordinario das instalacións que se orixinen no período subvencionado. A subvención é compatible con outras subvencións ou axudas outorgadas por outra administracións públicas ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. O prazo para a súa presentación estará aberto ata o 11 de maio. 

Entre a documentación que debe acompañar á solicitude, ademais do orzamento desagregado de cada un dos conceptos a subvencionar, as anpas solicitantes deberán presentar un plan de actividades para as cales se solicita a axuda, achegando unha breve memoria por cada unha das actividades.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/04/2023