As familia numerosas que soliciten ou renoven o seu título desde hoxe verán ampliada a súa validez

A vixencia do título amplíase dos 21 aos 26 anos do fillo maior

Con este cambio, as 27.000 familias numerosas de Galicia farán menos renovacións e aforrarán trámites burocráticos
 

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2023

A Xunta amplía desde hoxe a vixencia do título de familia numerosa ata que o fillo maior cumpra os 26 anos de idade. En Galicia hai máis de 27.000 familias con esta consideración, que con esta medida xa non terán que facer renovacións anuais do título a partir dos 21 anos cumpridos do fillo de máis idade.

Así, todas as familias que soliciten ou renoven o seu título de familia numerosa a partir de hoxe, obterán con carácter xeral un título con validez ata que o fillo maior cumpra os 26 anos.

Ata o de agora, unha familia numerosa tiña que facer cinco renovacións do título en cinco anos —cando o fillo cumpría os 21, os 22, os 23, os 24 e os 25 anos—, e con este cambio na normativa autonómica suprímense estas renovacións.

Ademais, será a propia familia a que comunique á Administración calquera cambio que afecte ao título, tal e como establece a normativa vixente; por exemplo: se o fillo comeza a traballar e, polo tanto, perde a condición de numerosa.

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, explicou que este cambio responde a unha demanda da Asociación Galega de Familias Numerosas (Agafan).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/04/2023