A delegada territorial presentou o evento no Centro Comercial Vialia Vigo

Fernández-Tapias salienta o récord de participación de Vigo Porté con máis de 1.500 bailaríns nunha nova edición que consolida a cidade como referente da danza

O Trofeo de Baile Internacional Vigo Xacobeo alcanzará a súa terceira edición dentro de Vigo Porté, que se amplía a catro días (28, 29 e 30 de abril e 1 de maio)

“A Xunta apoia de novo esta iniciativa que xa se consolidou como un dos eventos de danza de referencia en España e a nivel europeo”, sinalou Fernández-Tapias

A gala xa supera os rexistros de inscricións da pasada edición tanto en centros de danza (42) como en participantes (1.500) e coreografías (420)
 

Vigo, 14 de abril de 2023

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou este venres na presentación do evento internacional de disciplinas de baile Vigo Porté que se celebrará a finais do presente mes de abril. Nun acto en Vialia, a representante autonómica estivo acompañada pola directora de Vigo Porté, Lorena López, e o director do centro comercial vigués, Juan Louro.

“A través deste trofeo a Xunta de Galicia continúa prestando soporte a esta iniciativa que se consolidou como un dos eventos de danza de referencia en España e a nivel europeo”, sinalou. Fernández-Tapias lembrou que o apoio do Goberno galego foi fundamental hai agora dous anos para a permanencia do evento na cidade. Así, Vigo Porté regresará ao Auditorio Mar de Vigo os días 28, 29 e 30 de abril e 1 de maio, ampliando a competición por primeira vez a catro días.

Segundo indicaron durante a presentación, Vigo Porté 2023 xa superou os rexistros da pasada edición no que a número de centros de danza (42), participantes (1.500) e coreografías (420) refírese. “Un ano máis Vigo Porté volve estar presente na cidade olívica grazas á aposta da Xunta pola danza, polo talento novo e pola cultura, en Vigo existe un potencial enorme que hai que mostrar e este evento supón un importante escaparate para as escolas e os mozos bailaríns", apuntou Fernández-Tapias.

Pola súa banda, Lorena López engadiu que “este ano alcanzamos cifras récord de participación en toda a historia do evento internacional de disciplinas de baile na que se representarán un total de 420 coreografías de 42 centros de danza de toda España”.

Xurado internacional

Durante a presentación tamén anunciouse que Javier Castillo “Poty” volverá ser, un ano máis, o presidente do xurado de Vigo Porté e o condutor de todo o evento. “Poty” capitaneará un xurado que estará formado por representantes do mundo da danza a nivel nacional e internacional, entre os que se atopan Ángel Lara, Arantxa Carmona, Christian Sánchez, David Campos, Juan Polo e Toni Espinosa.

Trofeo de Baile Internacional “Vigo Xacobeo”

Durante os días 28, 29 e 30 de abril e 1 de maio o Auditorio Mar de Vigo acollerá esta celebración da terceira edición do Trofeo de Baile Internacional “Vigo Xacobeo” nas diferentes categorías: Mini, Infantil, Junior e Absoluta e coas seguintes disciplinas: Clásico, Folclore, Fusión, Lírico, Musicais+BSO e Urbano.

Master Class de Jazz Musical

Na tarde do sábado 29, Día Internacional da Danza, no Centro Comercial Vialia Estación de Vigo terá lugar a Master Class de Jazz Musical impartida polo coreógrafo Toni Espinosa e a continuación a conferencia “A Excelencia na Danza”, que contará co actor, cantante e bailarín Millán de Benito como artista invitado.

O luns 1 de maio será o momento da final de Vigo Porté. As coreografías gañadoras do primeiro premio do 3º Trofeo de Baile Internacional “Vigo Xacobeo” nas catro categorías, volverán competir para alzarse cos Premios de Mellor Coreografía e o ansiado Premio Vigo Porté 2023. Nesta final realizarase unha apertura con 22 centros de danza e 200 bailaríns en escena.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/04/2023