Vinte alumnos que rematarán a ESO con resultados excelentes poderán obter os Premios Extraordinarios da Xunta

O galardón está dotado con 1.000 € e un diploma acreditativo
 

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto entre o 31 de maio e o 30 de xuño
 

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2023

O Diario Oficial de Galicia publicou xa convocatoria dos premios extraordinarios ao rendemento académico para o alumnado que finalizase os estudos de ESO no curso 2022-2023 cun resultado excelente. Serán un total de 20 alumnos os que poderán obter este galardón, dotado con 1.000€ e un diploma acreditativo.

Para acadar o premio a persoa interesada deberá ter obtido no conxunto dos catro cursos de ESO unha nota media igual ou superior a 9 puntos. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto entre o 31 de maio e o 30 de xuño, e formalizaranse preferiblemente por medios electrónicos a través da aplicación dispoñible no Portal Educativo ou desde a sede electrónica da Xunta de Galicia.

O alumnado deberá realizar, a maiores, un exame presencial sobre materias de 4º de ESO que terá carácter único en todo o territorio galego e se celebrará o 6 de setembro. A proba estruturarase en dúas partes. A primeira delas constará de diversas cuestións referidas ás materias Lingua galega e literatura, Lingua castelá e literatura (agás exencións recoñecidas), e Primeira lingua estranxeira. Na segunda parte o alumnado dará resposta a diversas cuestións teóricas e prácticas de Xeografía e historia, Matemáticas orientadas ás ensinanzas académicas ou Matemáticas orientadas ás ensinanzas aplicadas (a escoller) e dunha das seguintes materias a escoller: Bioloxía e xeoloxía, Economía, Física e química, Latín, Ciencias aplicadas á actividade profesional, Iniciación á actividade emprendedora e empresarial ou Tecnoloxía.

Cada parte da proba desenvolverase nun tempo máximo de dúas horas e os exercicios da proba cualificaranse entre 0 e 10 puntos cun decimal. Para poder aspirar ao premio, deberanse obter, como mínimo, 5 puntos en cada unha das materias.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/04/2023