A delegada territorial, Martina Aneiros, mantivo esta mañá unha reunión con representantes de Feanpas e Fanpa Ferroltera

A Xunta informa ás Federacións de Anpas de Ferrolterra da convocatoria de axudas para financiar a súa actividade este ano

Estas achegas da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades van destinadas á realización de actividades e para sufragar gastos derivados da xestión, administración, adquisición de material non inventariable e mantemento das instalacións de confederacións e federacións de Anpas e Anpas de centros de educación especial

Ferrol, 21 de abril de 2023

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, Indalecio Cabana, mantivo esta mañá unha reunión de traballo co presidente en funcións da Federación comarcal de Anpas de centros públicos de Ferrolterra (Feanpas), José Juan Saavedra, e a secretaria da Federación de Anpas (Fanpa) Ferrolterra Concepción Arenal, Cristina Saavedra, para informarlles da convocatoria de axudas para financiar a súa actividade á que a Xunta destina este ano 60.271 euros.

Segundo informou a delegada as axudas van destinadas tanto para a realización de actividades, como para sufragar gastos derivados da xestión, administración, adquisición de material non inventariable e mantemento común das instalacións que se orixinen no período subvencionado.

Poderán beneficiarse delas as confederacións e federacións de nais e pais do alumnado e as Anpas de centros de educación especial, en función do que dependerá a intensidade das axudas. Así, as confederacións recibirán unha contía fixa que non excederá o 10% do orzamento da convocatoria, que se sumará a un importe variable en función do número de federacións e Anpas que a integren.

Pola súa parte, as federacións de ámbito provincial percibirán unha cota fixa que non poderá superar o 3% do importe total, mentres que as federacións de ámbito inferior ao provincial, como é o caso de Feanpas e Fanpa, e as Anpas de centros de educación especial recibirán unha contía fixa igual ou inferior ao 2% do orzamento da convocatoria. Todas as federacións recibirán, ademais, un importe variable en función do número de Anpas que aglutinen. Este importe por Anpa federada non excederá o 0,5% da partida da convocatoria.

Estas porcentaxes de distribución das axudas poderán superarse se, de acordo co número de solicitudes presentadas e as porcentaxes máximas indicadas, non fora posible a distribución total do importe da convocatoria. O prazo para presentar as solicitudes remata o 11 de maio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/04/2023