A conselleira do Mar visitou o taller ocupacional do proxecto Diversiplás+Diverso–Plástico, coordinado pola Asociación Íntegro ao abeiro do GALP Costa da Morte

A Xunta enxalza o labor da Asociación Íntegro por combinar a loita contra o lixo mariño coa integración sociolaboral das persoas con diversidade funcional

A iniciativa de economía circular Diversiplás+Diverso–Plástico inclúe accións de asesoramento e visibilización da inclusión social, concienciación ambiental, técnicas de reciclaxe e deseño de produtos

No obradoiro que ten a asociación en Cabana de Bergantiños os usuarios reciben e seleccionan por cores os plásticos, realizan un tratamento manual e danlle unha segunda vida converténdoos en artigos como pequenos testos para as plantas, colgantes, brazaletes e agullas para redes

Este ano Íntegro repartiu máis de 25 contedores entre confrarías e concellos da Costa da Morte e no primeiro trimestre recolleu máis de 400 quilos de residuos plásticos
 

Cabana de Bergantiños (A Coruña), 25 de abril de 2023

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe en Cabana de Bergantiños o taller ocupacional do proxecto de economía circular Diversiplás+Diverso–Plástico, coordinado pola Asociación Íntegro ao abeiro do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Costa da Morte. Alí puxo en valor o labor que realiza esta asociación no tratamento do lixo mariño e na integración sociolaboral das persoas con diversidade funcional.

Este proxecto consiste na valorización de residuos mariños de plástico con accións de asesoramento e visibilización da inclusión social, concienciación ambiental, técnicas de reciclaxe e deseño de produtos. Para iso colabora con confrarías de pescadores, asociacións do sector pesqueiro e concellos e, a través do obradoiro que coñeceu a conselleira, outorga aos participantes as competencias necesarias para dar unha segunda vida ao lixo mariño.

Deste xeito, no centro de Íntegro reciben e seleccionan por cores os plásticos, realizan un tratamento manual e despois os residuos pasan por máquinas para os procesos de triturado, inxección, extrusión e compresión. A continuación producen distintos produtos, entre eles pequenos testos para as plantas, colgantes, brazaletes e agullas para redes.

A titular de Mar, que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, fixo fincapé en que este traballo contribúe á redución dos residuos mariños e, ao mesmo tempo, axuda a formar ás persoas usuarias de Íntegro en habilidades relacionadas co aproveitamento e valorización dos plásticos. Ademais, Rosa Quintana subliñou o importante labor de concienciación que se realiza con esta iniciativa para manter unha contorna natural limpa e coidada. De feito, o proxecto coordinado por Íntegro está incluído na comunidade Internacional Precius Plastic, un movemento mundial que combate a contaminación plástica a través da economía circular e a reciclaxe.

Diversiplás+Diverso–Plástico arrancou no 2022, ano no que os coordinadores do proxecto desenvolveron un programa de formación en clasificación e tratamento do material plástico, adquiriron maquinaria específica e crearon unha rede de colaboradores con concellos da comarca, confrarías de pescadores e colexios con actividades de sensibilización dirixidas a escolares.

Ademais puxeron en marcha o taller de aproveitamento de plásticos e o programa de dinamización comercial e os usuarios de Íntegro realizaron visitas a distintos colectivos do sector marítimo-pesqueiro como as redeiras e as mariscadoras e colaboraron en accións relacionadas coa limpeza do litoral.

Este ano o proxecto repartiu máis de 25 contedores entre confrarías e concellos da Costa da Morte e no primeiro trimestre recolleron máis de 400 quilos de residuos coa participación dun total de 87 persoas nas distintas actividades desenvolvidas.

A Asociación Íntegro e o GALP Costa da Morte

A Asociación Íntegro naceu en 1992 e desde aquela traballa como entidade social sen ánimo de lucro para promover a integración de persoas con diversidade funcional das comarcas de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra. Ten as súas instalacións en Nantón, Cabana de Bergantiños e alí dispoñen de centro de día, centro ocupacional e un centro especial de emprego. Contan cunha empresa de economía social, Máis Porvir Xestión Social, da que forman parte máis de 50 persoas (máis do 85% con diversidade funcional).

O GALP Costa da Morte aglutina un total de 51 entidades con representación dos sectores social, pesqueiro, económico e público. Está integrado por nove concellos, que son Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, A Laracha, Laxe, Malpica, Muxía, Ponteceso e Vimianzo e ten como fins fomentar un sector pesqueiro máis sostible, potenciar o desenvolvemento económico do territorio e mellorar a calidade de vida das poboacións costeiras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/04/2023