A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inauguraron hoxe a exposición no Museo das Peregrinacións e de Santiago

A Xunta dá visibilidade ás vivencias e ás actividades do voluntariado que participou no programa ‘Xacobeando’

A mostra, que contén material gráfico, audiovisual e testemuñas dos participantes, poderase ver ata o día 3 de setembro deste ano

A través deste proxecto, preto de 80 mozas e mozos procedentes de oito países desenvolveron nas principais rutas do Camiño de Santiago actuacións de sensibili-zación ambiental, de promoción do patrimonio cultural e natural e de acompaña-mento e integración de colectivos de persoas con necesidades especiais
 

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2023

A Xunta de Galicia pon en valor o traballo e as experiencias das mozas e mozos voluntarios que participaron no programa ‘XacobeAndo. Voluntariado Europeo no Camiño’ a través dunha exposición que desde hoxe se pode ver no Museo das Peregrinacións e de Santiago. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participaron esta mañá na inauguración da mostra, que poderá visitarse ata o día 3 de setembro deste ano.

 

Cristina Pichel e Anxo M. Lorenzo explicaron que o obxectivo da mostra é achegar a todos os públicos as vivencias dos voluntarios e mostrar o gran impacto cultural e interxeracional que supuxo para eles participar neste programa financiado no marco do Cuerpo Europeo de Solidaridad (CES). A través de dous expositores ofrécese diferente material gráfico sobre as actividades e o material elaborado polos voluntarios.

 

Así mesmo, a exposición complétase con material audiovisual e unha selección de fotografías que recollen as experiencias que viviron, así como diferentes enlaces web —con códigos QR— que permiten acceder aos seus testemuños, coñecer as entidades sociais que formaron parte deste programa, contemplar algúns dos produtos que elaboraron os equipos e coñecer a repercusión que o programa tivo na prensa.

 

80 participantes de oito países

O proxecto ‘Xacobeando’ achegou a Galicia entre os meses de xullo e outubro do ano pasado a preto de 80 mozos de 18 a 30 anos de idade procedentes de oito países: España, Portugal, Italia, Grecia, Eslovaquia, Estonia, Lituania e Letonia. Estes voluntarios desenvolveron numerosas actividades en distintos puntos das sete rutas principais do Camiño de Santiago. En concreto, os diferentes equipos actuaron nos seguintes concellos: Santiago de Compostela, Triacastela, Ribeira e Valga, Tui, Pontevedra, Lalín, Xinzo de Limia, Arzúa, Palas de Rei, Ferrol, Neda, Baleira, Lugo, Chantada e A Rúa.

 

As actividades centráronse en oito ámbitos de actuación: Camiño Inclusivo, Camiño Seguro, Camiño Sostible, Camiño Xacobeo, Camiño Hospitalario, Camiño Cuerpo Europeo de Solidaridad, Camiño Intercultural e Camiño Dixital. As intervencións realizadas incluíron proposta de sensibilización ambiental, de promoción do patrimonio cultural e natural, e de acompañamento e integración de colectivos de persoas con necesidades especiais, entre outras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/04/2023