A Xunta mobiliza un investimento de preto de 35 M€ para mellorar o sistema de saneamento de Vilagarcía de Arousa e atallar vertidos á ría e inundacións

Teresa Gutiérrez destaca o investimento autonómico en execución de máis de 10 M€ para acometer dous tanques de tormentas e renovar o tramo da rede de saneamento na marxe esquerda do río Con

Precisa que se está traballando no cerramento das zonas dos tanques de tormenta, e que nestes días estase a recibir a tubaxe de impulsión para comezar a execución do primeiro tramo de bombeo

Un dos tanques de tormenta situarase no aparcamento de Fexdega, cunha capacidade de 2.080 m3 e outro preto da praza de Abastos, cun volume de retención de 3.700 m3
 

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2023

  A Xunta está a mobilizar un investimento de preto de 35 M€ para mellorar o sistema de saneamento e depuración de Vilagarcía de Arousa co fin de atallar os vertidos á ría e as inundacións.

 

En resposta a unha pregunta na Comisión 2ª do Parlamento, a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, detallou que o Goberno galego, por unha parte, está a executar un investimento de máis de 10 M€ para acometer dous tanques de tormentas e renovar o tramo da rede de saneamento na marxe esquerda do río Con.

 

Explicou que na actualidade se está traballando na primeira destas fases, tendo efectuado o cerramento das zonas dos tanques de tormenta, que nestes días estase a recibir a tubaxe de impulsión para comezar a execución do primeiro tramo de bombeo.

 

Os tanques de tormenta situaranse na marxe esquerda do río Con, no aparcadoiro público Fexdega e preto da praza de Abastos. O primeiro terá unha capacidade de 2.080 m3, mentres que o segundo disporá dun volume de retención de 3.700 m3.

 

Tamén se renovarán os colectores da rúa García Caamaño, o da marxe dereita do río Con e o do cruce co río, ademais das impulsións correspondentes a cada un dos tanques de tormentas.

 

Neste sentido, nesa rede que discorre paralela ao río, actuarase en distintos treitos, renovando as conducións ao longo de máis de 1 km de lonxitude; ademais doutros 1.000 metros de impulsións.

 

Ampliación da depuradora

A directora referiu que estas intervencións se completarán coa ampliación da depuradora, unha actuación que suporá un investimento de arredor de 25 M€.

 

Concretou que Augas de Galicia está a avanzar na tramitación da aprobación deste proxecto de ampliación, unha actuación complexa por mor da necesidade de modificar o PXOM e de xestionar os terreos.

 

Precisou que a Xunta vén de solicitarlle ao Concello a remisión do informe técnico no que se valore a compatibilidade urbanística das actuacións proxectadas co planeamento urbanístico vixente, así como a dispoñibilidade dos terreos para a súa execución.

 

Insistiu na necesidade de que unha vez rematadas, estas instalación teñan un correcto mantemento e conservación para mellorar o estado das augas da ría e eliminar os desbordamentos da rede de colectores.

Data de actualización: 28/04/2023