O presidente da Xunta participou na entrega dos Premios da Unión Profesional de Galicia no Hostal dos Reis Católicos

Rueda eloxia o papel dos colexiados na elaboración e tramitación do regulamento legal dos profesionais en Galicia

Recoñece o dobre compromiso dos colexios coa súa profesión e coa sociedade

Asegura que son unha parte “esencial” do Estado do Benestar e referente da Administración á hora de elaborar proxectos lexislativos ou tomar decisións que afecten á práctica profesional

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2023 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, eloxiou hoxe o papel que desenvolven os colexios profesionais na elaboración da normativa que regula a actividade dos seus asociados e destacou o dobre compromiso destas entidades coa súa profesión e coa sociedade. Durante a entrega dos Premios da Unión Profesional de Galicia que se celebrou esta tarde en Santiago, o titular do Goberno galego agradeceu o labor diario que realizan estas entidades ás que considera unha parte “esencial” do Estado de Benestar.

Rueda resaltou que as entidades colexiais son unha ferramenta fundamental para os profesionais -velan pola boa praxe e o control deontolóxico, prestan asesoramento e defenden os intereses dos asociados-, pero tamén para as Administracións. Nesta liña, lembrou que os colexios profesionais deben ser consultados polos Gobernos á hora de definir contidos de proxectos lexislativos que afecten a práctica laboral dos seus asociados e que son unha referencia de gran valor na toma de decisións.

O titular do Goberno galego agradeceu o labor dos 70.000 colexiados dunhas 30 profesións diferentes que hai inscritos na Comunidade e moi especialmente a Unión Profesional de Galicia polas súas case tres décadas de vida a prol dos intereses dos profesionais e os cidadáns galegos. Rueda valorou o labor dos interlocutores no eido profesional e o “coñecemento e capacidade de representación” dos colexios para falar e negociar en nome dos colectivos que representan.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/05/2023