O programa da Xunta de avais para a compra de vivenda por menores de 36 anos conta cun orzamento de 5 M€
A axuda poderá solicitarse ata o vindeiro 30 de novembro e vai dirixida a apoiar a mozos galegos na adquisición da súa primeira vivenda e cuxos ingresos non superen os 46.200 €
O novo programa da Xunta de Avais para a mocidade contará para este ano cunha dotación de 5 millóns de euros para facilitar a adquisición de vivendas por parte de menores de 36 anos de euros. Así o indicou está mañá no Parlamento o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, en resposta a unha pregunta sobre este programa e a súa dotación para 2023.
Tras lembrar que o prazo de presentación das solicitudes abriuse o pasado 28 de abril e estenderase ata o 30 de novembro, García indicou que esta iniciativa estaba incluída no Pacto social pola vivenda 2021-2025, acordado en xaneiro do ano 2021 coa totalidade de colectivos implicados no mundo da vivenda, desde promotores e construtores, a arquitectos, aparelladores, cooperativas ou consumidores.
O obxectivo, segundo explicou, é facilitar o acceso á vivenda en propiedade a aqueles mozos galegos que, dispoñendo de medios económicos para o pago da hipoteca, non contan cos aforros suficientes para cubrir o 20% do custo que, habitualmente, non financian as entidades bancarias. Deste xeito e a través da concesión de avais públicos, a hipoteca dos mozos beneficiarios poderá acadar o 100% do custo de adquisición, o que facilita o acceso deste colectivo a un fogar.
A axuda vai dirixida á compra da primeira vivenda, que se destinará a residencia habitual e permanente do adquirente e cuxo prezo de adquisición se moverá entre os 130.000 e 240.000 euros, dependendo da zona xeográfica na que se atope a vivenda. En canto aos requisitos dos beneficiarios, indicou que os ingresos non poden superar os 46.200 euros.
Polo momento, o director xeral explicou tamén que os avais serán aplicables só a préstamos hipotecarios concedidos por Abanca ou por Caixa Rural Galega, entidades coas que o IGVS xa asinou os correspondentes convenios de adhesión ao programa de Avais para a mocidade o pasado 28 de abril.