O presidente da Xunta, acompañado do conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou na entrega dos Premios Extraordinarios de Educación

Rueda asegura que a suma de talento e esforzo contribúe ao éxito e á excelencia do sistema educativo galego

Defende a igualdade de oportunidades no que se basea e apunta como principais logros a redución da taxa de abandono escolar ou que sexa “un dos máis inclusivos” de España

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, eloxiou hoxe o talento e o esforzo dos estudantes galegos, un tándem que, ao seu entender, está a contribuír ao éxito do sistema educativo de Galicia e á súa tendencia cara á excelencia.

“Calquera informe PISA reflicte que Galicia está nun lugar moi bo, que aínda podemos mellorar”, enxalzou Rueda sobre a calidade do sistema educativo galego, durante a súa intervención no acto de entrega a 202 estudantes dos Premios Extraordinarios de Formación Profesional Grao Superior, bacharelato e ESO, no que estivo acompañado polo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez.
 
Rueda deulles os parabéns aos premiados polo seu “esforzo, traballo e dedicación”, que considerou que son os ingredientes que conforman a “receita do éxito”. “Se un lle pon moito traballo e esforzo normalmente o éxito chega”, argumentou, ao tempo que fixo extensiva a felicitación ás familias dos estudantes e tamén aos seus mestres. 

Logros do sistema educativo galego

O mandatario galego defendeu a igualdade de oportunidades que ofrece o sistema educativo galego, do que puxo en valor algún dos seus fitos, como a redución da taxa de abandono escolar ou que sexa “un dos máis inclusivos” do Estado, en referencia á que máis do 94 % do alumnado con necesidades especiais de Galicia está escolarizado en centros ordinarios, “e isto é un éxito colectivo que fala ben de nós como sociedade”, valorou.

Rueda tamén salientou o apoio do Goberno galego ao sistema educativo, que considerou que queda reflectido nas axudas que se lles da ás familias galegas, en referencia ás achegas para libros e material, transporte escolar e comedores ou á conxelación das taxas universitarias desde hai 12 anos. E máis en concreto afondou na aposta decidida da Xunta por impulsar a Formación Profesional.
 
“Un país avanzado non pode ignorar que a FP debe ser potenciada”, aseverou, á vez que admitiu que, se hai uns anos a formación profesional era unha saída “residual”, neste momento é “preferencial”. “Cada vez máis rapaces optan a ela como primeira elección”, salientou.
 
Rueda finalizou a súa intervención defendendo que non hai “mellor investimento” que aquel que se fai na educación e insistiu en pór en valor o “esforzo e talento” dos premiados; “vós sodes o futuro de Galicia e, por iso, merece a pena traballar”, concluíu.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/05/2023