O IES Muralla de Lugo e o CEIP Carmen García Carrasco de Cenlle gañan a cuarta edición do concurso Pilabot de recollida de pilas

Os centros recibirán un premio económico que deberán destinar á compra de material escolar ou deportivo

O xurado tamén deu a coñecer os gañadores do certame individual de cartel publicitario #EuSonPilabot

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2023 O IES Muralla de Lugo e o CEIP Carmen García Carrasco de Cenlle convertéronse nos gañadores da cuarta edición do concurso Pilabot, organizado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en colaboración cos xestores de pilas autorizados en Galicia -Ecopilas, ERP e Ecolec-.

Na cuarta edición do concurso participaron uns 32.000 alumnos dun total de 150 centros de educación primaria e secundaria de toda Galicia. Este ano pechou coa recollida de 46.649 quilogramos de pilas, acumuladores e baterías usadas, un dos residuos máis contaminantes que se xeran nos fogares.

Dese total, o IES Muralla de Lugo levou o primeiro posto en termos absolutos, ao recoller máis de 4,6 toneladas de pilas na súas instalacións —en concreto, 4.654,45 kg—. Pola súa banda, o Colexio Plurilingüe Divina Pastora M.M. Franciscanas, de Ourense, foi segundo, con 2.346,95 quilos recollidos.

No que atinxe á categoría do premio que ten por obxectivo recoñecer o traballo dos centros coas mellores ratios de recollida por alumno, o gañador foi o CEIP Carmen García Carrasco de Cenlle, con 99,53 quilogramos por estudante. O CRA Amencer de Ribadavia –gañador desta categoría na pasada edición deste concurso- obtivo a segunda posición con 43,03 kg recollidos por alumno.

Os catro centros recibirán un premio económico que deberán destinar á compra de material escolar ou deportivo. Concretamente, os primeiros premios de ambas categorías están dotados con 2.500 euros cada un, mentres que os centros que quedaron en segunda posición levarán como recompensa 1.250 euros.

Certame de cartel publicitario

O xurado tamén deu a coñecer os gañadores do certame individual de cartel publicitario #EuSonPilabot, no que puido participar alumnado de educación primaria e secundaria dos centros participantes no Concurso Pilabot.

Os alumnos premiados cunha tableta son Noa Remuiñan Rojo, do CEIP Castelao de Ordes; Sara Mencía Quintía Pan, do CEIP Torre de Hércules da Coruña; Uxía Rodríguez Ramos, do Colexio Lar de Mos; Saúl José Hernández Cortez, do IES San Tomé do Freixeiro de Vigo, e Ana Lestao Ben, do IES Perdouro de Burela.

A continuación, detállanse os premiados:

CONCURSO PILABOT 2023
Categoría / Premio
Centro educativo
Premio
Kg. recollidos 1º
IES Muralla Romana (Lugo)
2.500 €
Kg. recollidos 2º

Colexio Plurilingüe Divina Pastora M.M. Franciscanas (Ourense)

1.250 €
Ratio kg./alumno 1º
CEIP Carmen García Carrasco (Cenlle)
2.500 €
Ratio kg./alumno 2º
CRA Amencer (Ribadavia)
1.250 €
CERTAME ARTÍSTICO #EuSonPilabot
Categoría
Alumna / Obra
Centro educativo

1. Alumnado de 1º ciclo de educación primaria

Noa Remuiñan Rojo
"Ponte as pilas e recicla"

2º Primaria / CEIP Castelao (Ordes)

2. Alumnado de 2º ciclo de educación primaria

Sara Mencía Quintía Pan

"As fases dunha pila"

4º Primaria / Torre de Hércules (A Coruña)

3. Alumnado de 3º ciclo de educación primaria

Uxía Rodríguez Ramos
"Pilabot recicla no Lar"
6º Primaria / Colexio Lar (Mos)

4. Alumnado de 1º ciclo de educación secundaria

Saúl José Hernández Cortez
"Únete. Recicla polo planeta"

2º Secundaria / IES San Tomé do Freixeiro (Vigo)

5. Alumnado de 2º ciclo de educación secundaria

Ana Lestao Ben
"Enerxía é vida"

3º Secundaria / IES Perdouro (Burela)

 

O certame Pilabot, posto en marcha pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en colaboración cos xestores de pilas autorizados na Comunidade —Ecopilas, ERP e Ecolec—, busca fomentar a reciclaxe de pilas entre a comunidade escolar e as familias do alumnado, ao tempo que se facilita información e recursos didácticos para promover actitudes positivas que preveñan os problemas de contaminación que poden ser derivados se non se xestionan de forma adecuada.

Ademais dos concursos, a campaña incluíu a realización de medio cento de talleres didácticos nos que o obxectivo era poñer en valor a importancia das pilas na vida diaria das persoas, facer fincapé na necesidade da súa reciclaxe e implicar ao conxunto da comunidade educativa na campaña. A iniciativa contou cunha excelente acollida, tanto por parte dos docentes como do alumnado.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/05/2023