Discurso do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no acto institucional do Día das Letras Galegas 2023, dedicado a Francisco Fernández del Riego

Lourenzá (Lugo), 17 de maio de 2023
Compartir
  • whatsapp

No seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, pronunciado en 1960, Francisco Fernández del Riego fai un repaso pola evolución da lingua galega: refírese á que el chama “hora romántica”, na que o idioma se entende como instrumento de creación lírica; sitúa o xurdimento do galego como medio de comunicación cultural e social na etapa das Irmandades da Fala; e á Xeración Nós atribúelle o mérito de lograr que a nosa lingua acade todos os eidos da cultura.

Detense don Paco nunha reflexión de Alfonso Rodríguez Castelao que hoxe, 63 anos despois, axúdanos a enmarcar este Día das Letras Galegas. Afirma Castelao que un idioma “non nace pola vontade xenial dun grupo de homes, senón pola predisposición psicolóxica dun pobo”. Velaí a clave, non só, do nacemento dunha lingua singular, senón tamén da súa conservación e fortalecemento. 

Na Galicia do século XXI o galego é un instrumento de creación e tamén un medio de uso cotiá, pero sobre todo establece un dos vencellos máis fortes que unen ao noso pobo. O seu cultivo, a súa defensa, a súa normalización, son un labor colectivo no que todos os galegos e galegas teñen cabida e do que todos se benefician. 

Hai moitas razóns para a reivindicación do noso idioma. É un legado que só nós podemos posuír e transmitir. É un tributo obrigado a todos os galegos que nos precederon. Apórtanos unha riqueza expresiva adicional que non se logra con outros idiomas. Fainos partícipes dunha comunidade lingüística universal, grazas á proximidade coa lingua irmá portuguesa.  

Permite tamén unha convivencia fraterna co idioma castelán. Pero ademais deses motivos xa importantes dabondo, o galego únenos, achéganos, fainos máis próximos. Representa un patrimonio común que está ao servizo de todos. 

Neste día dedicado a el, temos definido a Fernández del Riego como “o que nunca se rendeu”. Non debía de ser doado naquel 1960 cando ingresou na Real Academia Galega. O seu actual presidente, Víctor Fernández Freixanes, resalta o entusiasmo vital de don Paco, aquela capacidade súa para dotar de enerxía todas as empresas a prol da cultura que protagoniza.  

Sen ese motor serían inconcibibles todas as “criaturas” culturais que imaxinou, e que el no se limitou a idear, senón que as xestionou, as adaptou aos novos tempos e as abriu a ese pobo sen o cal o idioma e a cultura son ilusorios. 

A mesma instauración do Día das Letras Galegas, debida tamén ao seu empuxe, forma parte da idea de facer partícipes a todos os galegos da festa maior do noso idioma. Estes mesmos días a nosa terra é un amplo escenario de proxectos expositivos, iniciativas de participación social, proxectos editoriais, propostas no eido educativo e académico, propostas na rede e unha ampla programación nos centros galegos do exterior. 

O pobo, en suma, é o protagonista dunha homenaxe ao noso polígrafo que ten un fito especial na mostra Cos ollos do espírito, Francisco Fernández del Riego, promovida pola Xunta de Galicia, a editorial Galaxia e a Fundación Penzol. 

Neste 17 de maio podemos afirmar con orgullo que na Galicia actual a lingua non é un motivo de confrontación nin de liorta. Quen teime en buscar fronteiras lingüísticas herméticas non poderá atopalas.  

Existe un modelo lingüístico galego que non é tributario de ningún outro, edificado sobre principios que en boa medida foron sementados por eses galeguistas empeñados no que Fernández del Riego chamou “empresa restauradora de Galicia”. É un modelo xenuíno que descansa na igualdade e no respecto á lei; na fraternidade cordial entre os dous idiomas oficiais de Galicia; e sobre todo, na liberdade. 

O reto consistía en normalizar o galego sen producir fracturas sociais. A obriga legal e institucional non era outra que lograr que o galego estivera vivo en todos os espazos sociais, sen menoscabo da liberdade. Desde logo que sempre se poderá dicir que queda traballo por facer e avances que lograr, e quen o diga estará no certo. Toda empresa humana é mellorable. Sen embargo, eses desexos de avanzar que comparto non deberan negar os logros que os galegos culminamos xuntos. 

Lonxe de ser unha apreciación subxectiva, está avalada por datos obxectivos. O Instituto Galego de Estatística constata que un 98,5 por cento dos nosos cidadáns entenden o galego, un 97 por cento saben falalo e unha porcentaxe semellante sabe lelo.  

Ningunha das comunidades españoles con lingua propia obtén uns índices semellantes no relativo á normalización lingüística. 

O Informe Pisa non é menos elocuente. Asegura que Galicia é a comunidade onde o alumnado fala as dúas linguas con maior facilidade. Un modelo avalado polos resultados e que impulsa novas iniciativas.

O Proxecto Nós fará que o galego forme parte dos novos usos tecnolóxicos, ao mesmo nivel que as grandes linguas do mundo. O tradutor de galego con tecnoloxía neuronal; a primeira tecnoloxía que entende o galego oral e o pasa a texto; e a ferramenta que, a partir dun texto, é capaz de ler en lingua galega, e que xa está á disposición de calquera que queira utilizalas.  

Non falamos de mañá, falamos de hoxe. De feito, estas novas tecnoloxías están presentes xa na comunicación xerada para esta data que estamos a celebrar, para a nosa Festa das Letras.  

A nosa lingua ven de lonxe e vai lonxe. A clave da súa fortaleza estivo, está e estará na súa comuñón co pobo galego. El créaa, el protéxea, el aloumíñaa e el garante o seu futuro.  

O novo disco de Luar na Lubre chámase Encrucillada, e conmemora os 37 anos de música deste grupo que é un dos primeiros e máis eficaces embaixadores de Galicia polo mundo.  

A nosa lingua tamén está nunha encrucillada porque o mundo no que se inscribe é diferente, e cambia rapidamente, e son diferentes tamén as formas de comunicación. 

Non temos dúbidas, sen embargo, de que esta encrucillada suporá un novo pulo. Son innumerables as encrucilladas que o noso idioma superou na súa longa historia, grazas a ser un tesouro colectivo que nos unía máis.  

Xunto o noso pobo tenaz que defende o seu don máis prezado estiveron “homes que valían por mil”, como Francisco Fernández del Riego. Que a súa lembranza e o seu entusiasmo estean sempre ao noso carón. Feliz Día das Letras Galegas!

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 17/05/2023