Lete Lasa destaca a preeminencia de Galicia na historia do hóckey español que cumpre cen anos

Destaca que os primeiros estatutos da Federación Galega datan de 1933, polo que neste 2023, o centenario do hóckey español coincide de xeito simultáneo co 90 aniversario do hóckey galego

Ourense, 19 de maio de 2023

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado do delegado territorial da Xunta na provincia, Gabriel Alén, participou na Primeira parada do Tour do Centenario do Hóckey español que tivo lugar no recinto feiral de Expourense onde, ao longo de toda a fin de semana, se disputa o Campionato de España Infantil de Hóckey Sala masculino e feminino. 

O mandatario galego destacou o importante papel de Ourense e de Galicia na historia do hóckey español e da súa contribución a estes cen anos de historia. Ademais, Lete Lasa destacou que, os primeiros estatutos da Federación Galega datan de 1933, polo que neste 2023, o centenario do hóckey español coincide de xeito simultáneo co 90 aniversario do hóckey galego.  

O responsable do Deporte galego salientou a importancia nesta historia autonómica e nacional dos tres ex deportistas que participaron na charla coloquio, Paula Pardo, Federico Tapias e Abelardo Barbosa, imprescindibles para que o hóckey galego e nacional estea hoxe no lugar no que se atopa. Neste sentido lembrou os nomes dalgúns dos mellores xogadores e xogadoras do hóckey galego como os de Olalla e Rebeca Piñeiro, Xurxo Cid, Antón Parente ou Manu Prol e, incidiu especialmente nas novas xeracións que veñen apuntando forte como é o caso de Carlota Álvarez e dos irmáns Lucía e Manuel Lamelas que veñen de participar na Copa sub16 en Tottenham (Reino Unido) e que, polo tanto, xa saben o que é vestir a camisola da selección. Lete Lasa amosou o seu desexo e convencemento de que estes tres galegos e ourensáns, seguirán sendo internacionais ata a categoría absoluta.

O titular do Deporte galego destacou o orgullo de que “nun deporte milenario” como o hóckey, Ourense e Galicia conten con tanto peso no panorama nacional e internacional. Lete Lasa lembrou a inauguración do Núcleo de Adestramento Deportivo Especializado da Federación Galega de Hóckey como o centro de excelencia e tecnificación do hóckey galego que acompaña aos deportistas máis novos cara o alto nivel, polo que dixo, que o futuro do hóckey galego está garantido.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/05/2023