A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asinou hoxe un convenio de cooperación co reitor da UDC

A Xunta e a Universidade da Coruña colaboran no desenvolvemento de accións de control biolóxico para a eliminación da herba da pampa

Ángeles Vázquez di que supón un paso máis para abordar os problemas que representa esta especie exótica invasora tendo en conta que as medidas de xestión que se apliquen deben evitar calquera impacto adverso sobre a biodiversidade

A Coruña, 23 de maio de 2023

A Xunta de Galicia e a Universidade da Xunta colaborarán no desenvolvemento de accións de control biolóxico para a eliminación da especie exótica invasora Cortaderia selloana, coñecida como herba da pampa, no marco do convenio asinado hoxe pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o reitor da UDC, Julio Abalde.

 

Esta colaboración ten como obxecto desenvolver o uso dunha especie de mosca, concretamente o Spanolepsis selloanae, como axente de control biolóxico logo de que investigadores desta universidade descubriran que as femias deste insecto depositan os ovos na herba da pampa e, tras a súa eclosión, as larvas aliméntanse da estrutura reprodutiva da planta evitando así a formación de sementes viables.

 

Segundo dixo a conselleira, a sinatura deste convenio supón un paso máis na loita contra o avance da herba da pampa a través do desenvolvemento dunha base de coñecemento que permita abordar os problemas que representa esta especie exótica invasora tendo en conta que as medidas de xestión que se apliquen deben evitar calquera impacto adverso sobre a biodiversidade.

 

Máis polo miúdo, esta colaboración inclúe, entre outras, actuacións como o desenvolvemento da Spanolepsis selloanae como axente de control biolóxico, comprobando que non afecta a plantas nativas; a elaboración dunha metodoloxía de conservación e multiplicación deste insecto; o avance dos trámites administrativos para a comercialización desta especie ou o establecemento dun protocolo de control físico mediante curtas periódicas de Cortaderia selloana.

 

Para concluír, a conselleira salientou que este proxecto, que se levará a cabo nos próximos dous anos, podería ser extrapolable a outras comunidades que tamén se están a ver afectadas por esta problemática.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/05/2023