A alianza entre Gradiant e Telefónica Tech na que colabora a Xunta contribúe á dixitalización da industria ofrecendo solucións en ciberseguridade

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain) destacou o papel desta alianza na competitividade da industria e das pemes galegas, en liña coa Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia

Esta colaboración enmárcase no instrumento impulsado polo Goberno galego:
as Unidades Mixtas de Investigación, creadas para desenvolver actividades de I+D+i estratéxicas para Galicia co obxectivo de impulsar a transferencia de coñecemento á industria e a atracción de empresas cara á comunidade
 

Vigo, 25 de maio de 2023

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, asistiu esta mañá á xornada Innovación, ciberseguridade e colaboración
público-privada: TEGRA como pioneiro
, no que se conmemorou o quinto aniversario do Centro de Innovación en Ciberseguridade Tegra, posto en marcha polo centro tecnolóxico Gradiant e a empresa Telefónica Tech co apoio da Xunta de Galicia e co financiamento da Unión Europea no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020.

A directora de Gain destacou que esta alianza estratéxica entre Gradiant e Telefónica Tech no ámbito da innovación en ciberseguridade contribúe ao avance da industria galega cara á súa dixitalización, en liña cos retos e prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia e, deste xeito, á súa competitividade e á das pemes, ofrecendo solucións que dan resposta a un factor crítico para o tecido empresarial como é a seguridade nos sistemas de fabricación.

Argerey subliñou o papel desta Unidade no posicionamento tecnolóxico de Galicia nun sector emerxente e con gran potencial de crecemento como a ciberseguridade, na creación de emprego cualificado e na atracción cara a Galicia da actividade de I+D+i dunha grande empresa como Telefónica Tech. Ao longo da xornada, presentáronse os principais resultados obtidos durante esta colaboración, abordouse a importancia da ciberseguridade e da xeración dun ecosistema forte neste ámbito, revisáronse as novas tendencias en produtos e servizos de ciberseguridade e entablouse un debate con expertos sobre a influencia da Intelixencia Artificial na ciberseguridade na actualidade e nun futuro próximo.

Esta colaboración entre o centro tecnolóxico e a multinacional arrincou no ano 2017 coa posta en marcha dunha Unidade Mixta de Investigación, no marco da convocatoria homónima da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, que obtivo apoio nas fases de creación e consolidación. As Unidades Mixtas de Investigación son un instrumento de cooperación entre organismos de investigación de Galicia e o tecido empresarial para desenvolver actividades de I+D+i estratéxicas para Galicia co obxectivo de impulsar a transferencia de coñecemento á industria e a atracción de empresas cara Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/05/2023