A Xunta convoca para xuño e setembro os propietarios dos terreos necesarios para executar a 2ª fase de humanización da avenida de Galicia en Teis, en Vigo

Segundo recolle hoxe o Diario Oficial de Galicia, o levantamento de actas previas fíxase o 27, 28 e 29 de xuño e a formalización das actas de ocupación o 26, 27, e 28 de setembro

Actuarase no treito de 1,56 km da PO-323 desde o límite do termo municipal de Vigo co concello de Redondela ata o IES de Teis, cun investimento que chega ata os 4,1 M€

A previsión é comezar as obras desta 2ª fase no outono, cun prazo de 14 meses

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución da convocatoria, para xuño e setembro, dos actos expropiatorios para executar as obras da 2ª fase do proxecto de humanización da avenida de Galicia,  na parroquia de Teis, no concello de Vigo.

 

A intervención suporá un investimento de 4,1 M€ e permitirá completar a remodelación deste eixo vertebrador da parroquia coas obras, xa iniciadas, da 1ª fase de humanización da PO-323, no treito de 500 metros que vai desde a avenida da Mariña Española ao IES de Teis.

 

As obras desta 2ª fase, que están xa licitadas e analizando as 9 ofertas presentadas, centraranse na humanización do treito de 1,56 km desta vía autonómica, entre o límite municipal de Vigo co municipio de Redondela ata o IES de Teis.

 

A previsión é comezar as obras desta 2ª fase no outono, cun prazo de 14 meses.

 

Os actos para o levantamento de actas previas á ocupación terán lugar os días 27, 28 e 29 de xuño, entre as 10,00 e as 14,00 horas, na Casa do Concello de Vigo. A formalización das actas de ocupación levarase a cabo no mesmo lugar e idéntico horario os días 26, 27 e 28 de setembro. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse toda a información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230526/AnuncioG0181-150523-0001_gl.html

 

Esta intervención da 2ª fase de humanización da avenida de Galicia busca fomentar a mobilidade segura e sostible, así como mellorar a mobilidade interna na cidade de Vigo, para o que se realizarán conexións coa trama urbana de beiravías existentes e con itinerarios alternativos, como a senda da vía verde.

 

A actuación incluirá a reposición de pavimento dos itinerarios existentes, a execución de zonas de aparcadoiros e a habilitación de pasos peonís sobreelevados nas interseccións que permitan a interconexión con outros itinerarios peonís. Nas zonas onde o espazo dispoñible o permite disporase arborado.

 

Non se prevén cambios sobre o trazado en planta, senón unha redistribución das seccións para habilitar itinerarios e os elementos funcionais, e tamén se mantén a rasante da estrada existente.

 

75 prazas máis de estacionamento

En canto aos novos aparcadoiros, está previsto dotar tres novas zonas cun total de 167 prazas, o que unido ás prazas que se conservarán nas marxes da estrada, implica que haberá 273 prazas no ámbito da obra. Así, gañaranse 75 prazas con respecto ás 198 actuais, un incremento do 38%.

 

Tras a análise das achegas recibidas, procederase a retranquear o saínte da vivenda no número 293 da avenida de Galicia, igualándoo coa aliñación da edificación contigua. Tamén se valorará a expropiación do terreo e a expropiación da parte da vivenda a demoler, e incluirase a reconstrución do resto da vivenda, dentro das obras que se van realizar.

 

Como resultado das alegacións, tamén se levará a cabo o reforzo da semaforización no acceso ao Colexio Público San Salvador e a mellora de instalación semafórica no cruzamento entre Baixada á Rotea e a avenida de Galicia.

 

A Xunta impulsa esta actuación ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGeneration-EU.

Data de actualización: 26/05/2023