A Xunta adxudica por máis de 500.000 € a redacción do proxecto e a dirección de obra para construír 76 vivendas de promoción pública en Pontevedra

Trátase dunha das actuacións previstas na Estratexia de vivenda pública e protexida aprobada polo Goberno galego a finais do mes de marzo

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2023

A Xunta de Galicia adxudicou esta semana o servizo de redacción de proxecto e dirección de obra para a construción de 76 vivendas de promoción pública (VPP), garaxes, rochos e locais na parcela P16 do polígono B1 de Valdecorvos, en Pontevedra.

O contrato foi adxudicado por un importe de 515.151,51 euros. A empresa disporá dun prazo de dous meses para redactar o proxecto básico e de tres meses adicionais para elaborar o proxecto de execución, malia que o contrato se estenderá durante toda a execución dos traballos construtivos, xa que nel se inclúe tamén a dirección de obra.

Cómpre lembrar que estas 76 VPP están incluídas na Estratexia de vivenda de promoción pública e impulso da vivenda protexida, aprobada polo Consello da Xunta a finais do pasado mes de marzo en execución do Pacto social pola vivenda 2021-2025.

A súa construción suporá un investimento superior aos 9,5 millóns de euros, dos que máis de 5,7 millóns serán fondos propios achegados pola Xunta de Galicia e 3,8 millóns de euros procederán da Unión Europea.

Data de actualización: 01/06/2023