A Xunta acorda, no Observatorio da eólica mariña, non emitir ningún informe mentres o Goberno non estableza un marco normativo para tramitar os proxectos

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, acompañado pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, asistiu á reunión do Observatorio da eólica mariña

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2023 O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, asistiron esta mañá á reunión do Observatorio da eólica mariña, onde a Xunta acordou, en consenso cos asistentes, non emitir ningún informe mentres non exista un marco normativo que estableza o procedemento de tramitación dos proxectos que se están presentando na Administración estatal.

No encontro realizouse unha avaliación da situación actual e estableceuse unha postura común desde Galicia en relación aos temas que seguen pendentes tras a presentación dos Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM).

Neste sentido, desde a Xunta de Galicia enténdese que é necesario poder acceder a información máis detallada dos caladoiros existentes; un cronograma sobre cando haberá un marco normativo e a convocatoria das poxas de lámina de auga; a necesidade dun modelo de evacuación da enerxía centralizado ou coñecer o sistema de compensacións. Galicia seguirá, ademais, defendendo que calquera desenvolvemento da eólica mariña debe ser consensuado co sector pesqueiro para garantir a coexistencia de ambas as dúas actividades.

Na reunión apostouse por seguir defendendo o consenso e o diálogo para o desenvolvemento da eólica mariña, pois supón unha oportunidade para a competitividade industrial -coa posibilidade de xerar 8000 postos de traballo e un investimento de 1200 M€-.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/06/2023