O director xeral de Cultura participa na presentación en Madrid desta proposta cultural

A décima edición do Festival de Música Clásica Bal y Gay levará este verán 13 concertos a espazos emblemáticos da Mariña lucense co apoio da Xunta

Nos seus 10 anos de traxectoria consolídase como referente da música clásica do norte de España cunha programación “que este ano combinará de forma maxistral artistas consagrados con mozos de proxección mundial”, expresa Anxo M. Lorenzo

Celebrarase do 10 ao 24 de agosto con concertos en lugares emblemáticos como a igrexa de Lourenzá, a fábrica de Sargadelos ou a Catedral de Mondoñedo

Madrid, 6 de xuño de 2023

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación na Casa de Galicia en Madrid da décima edición do Festival Bal y Gay que levará este verán un total de 13 concertos a distintos espazos emblemáticos da Mariña lucense co apoio da Xunta de Galicia. No acto tamén participaron, entre outros, a directora do festival, Alba Rodríguez; o presidente da Fundación Xesús Bal y Gay, Enrique Rodríguez, e a directora da Fundación Banco Sabadell, Sonia Mulero.

 

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades fixo mención á aposta do Goberno autonómico por esta cita musical que se aliña cos obxectivos do Plan Xeración Cultura, a folla de ruta do Goberno galego que aposta por fomentar o acceso e diversificación da programación cultural.

 

Anxo M. Lorenzo felicitou á organización “polos seus 10 anos de vida, nos que levou por distintas localizacións da Mariña lucense con propostas de gran calidade que o ten convertido nun referente da música clásica do norte de España” e por combinar “de xeito moi acertado” cultura e patrimonio en espazos tan emblemáticos como a Catedral de Mondoñedo ou a igrexa de Lourenzá.

 

Entradas dispoñibles

A décima edición do Festival Bal y Gay será do 10 ao 24 de agosto. Pasará por Viveiro, Alfoz, Foz, Ribadeo, Cervo, Mondoñedo, Lourenzá ou Barreiros e os concertos celebrarase en lugares como a fábrica de Sargadelos, a Catedral de Mondoñedo, Basílica de San Martiño de Foz, a Fortaleza Alfoz, a igrexa de Lourenzá, entre outros.

 

A Real Filharmonía de Galicia será a encargada de inaugurar a edición o 10 de agosto no Teatro Pastor Díaz de Viveiro cunha gala lírica dirixida por Maximino Zumalave. Os seguintes concertos correrán a cargo, entre outros, do cuarteto de saxofóns Kebyart, a soprano Rocío Pérez, a violonchelista Sara Ferrández, a pianista portuguesa, María Joao Pires, así como a Orquestra Sinfónica de Galicia. Tamén haberá concertos familiares, conferencias e obradoiros. Toda a información e a venta de entradas está dispoñible na web festivalbalygay.com.

Data de actualización: 06/06/2023