Galicia comprométese a seguir avanzando na simplificación administrativa para facilitar a implantación de empresas e captar investimentos

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá en Santiago de Compostela no XIV Encontro da Rede Transnacional de Simplificación, destacando o papel desta entidade na promoción dun marco harmonizado a nivel de toda a UE

Lembra que a Administración autonómica é pioneira en España coa Lei de simplificación administrativa e á hora de aplicar o modelo de custos simplificados

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2023 O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá en Santiago de Compostela no XIV Encontro da DG Regio Rede Transnacional de Simplificación. Na súa intervención sinalou que Galicia se compromete a seguir avanzando na simplificación administrativa porque o obxectivo é facilitar a implantación de empresas e captar investimentos, especialmente  os proxectos que xurdan no ámbito da transición verde e dixital.

Conde, que salientou o papel de Rede Trasnacional sobre simplificación para promover un marco harmonizado a nivel de toda a Unión Europea, lembrou que a Xunta de Galicia ten sido pioneira en España coa súa Lei de simplificación administrativa e á hora de aplicar o modelo de custos simplificados (método alternativo para calcular os custos subvencionables).

Tal e como lembrou o vicepresidente primeiro, Galicia conta cun marco normativo que acurta á metade o tempo dos trámites de competencia autonómica e municipal (en Concellos Emprendedores) coa axuda de novas figuras administrativas, como é o caso dos proxectos industriais estratéxicos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/06/2023