Estudantes do CEIP A Gándara de Monforte de Lemos gañan o certame de consumo responsable Galicons cun proxecto sobre linguaxe publicitaria

A xerente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, Sol Vázquez, visitou hoxe o centro educativo, que realizou co alumnado de educación infantil e primaria un traballo que reflexiona sobre como a publicidade impacta nas vidas dos nenos e nenas

Monforte de Lemos (Lugo), 15 de xuño 2023

A xerente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, Sol Vázquez, visitou hoxe en Monforte de Lemos o CEIP Plurilingüe A Gándara, gañador na categoría para alumnado de segundo ciclo de educación infantil e de educación primaria do certame autonómico de consumo responsable Galicons, impulsado pola Consellería de Economía, Industria e Innovación xunto coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

O centro monfortino realizou co alumnado de segundo ciclo de educación infantil e de educación primaria un proxecto sobre linguaxe publicitaria titulado Mercándara, coa finalidade de reflexionar sobre como a publicidade xoga un papel fundamental nos hábitos de consumo e da relación que existe entre o consumo e o xénero. Dentro do proxecto recrearon no centro un supermercado, visitaron un invernadoiro, fixeron unha exposición do percorrido histórico do paso dos empaquetados de papel aos envases de plástico e gravaron un anuncio publicitario dun mesmo produto, pero simulando distintas épocas.

Dentro do proxecto recrearon no centro un supermercado, visitaron un invernadoiro, un supermercado, fixeron unha exposición do percorrido histórico do paso dos empaquetados de papel aos envases de plástico e gravaron un anuncio publicitario dun mesmo produto, pero simulando distintas épocas.

Galicons, que nesta edición contou coa participación de máis de 1200 alumnos e alumnas de toda Galicia, é un programa educativo realizado en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, incluído dentro do Plan Proxecta, coa finalidade de promover a educación para o consumo responsable nos centros educativos galegos.

Na convocatoria dos premios establécense catro categorías de participación: categoría A: alumnado de segundo ciclo de educación infantil e de educación primaria; categoría B: alumnado de educación secundaria obrigatoria; categoría C: alumnado de bacharelato, de ciclos formativos de grao medio e de grao superior e formación profesional e de educación de persoas adultas; e categoría D: alumnado de educación especial.

O mellor proxecto en cada unha das categorías recibe un premio de 1500 euros. Ademais, a persoa coordinadora e o profesorado participante nos proxectos premiados recibe da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades unha certificación de premio de innovación educativa cunha equivalencia de 30 horas de formación do profesorado para o profesorado coordinador e 20 horas para o resto do profesorado participante.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/06/2023