Normalidade no comezo das probas da OPE do Sergas na que está fin semana se examinarán máis 11.400 persoas

No día de hoxe están convocados un total de 1.189 opositores para acceder ás prazas de 9 categorías sanitarias, así na quenda de mañá realizaron as probas 445 aspirantes dos 704 admitidos (63 %)

Durante os días 24 e 25 de xuño, máis de 11.400 persoas están convocadas á realización das probas selectivas do Sergas, para a cobertura de 1.556 prazas de Enfermería, e 96 postos de persoal sanitario funcionario de distintas categorías

Mañá domingo, terán lugar as probas da categoría de Enfermería que conta con 10.101 persoas admitidas, e ás da categoría de inspector farmacéutico con 149 aspirantes

Silleda (Pontevedra), 24 de xuño de 2023 O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asistiu esta mañá no recinto da Feira Internacional de Silleda, ao inicio das probas de oposición da Oferta Pública de Emprego do Sergas nas que, durante toda a xornada de hoxe, están convocados un total de 1.189 opositores. O comezo das probas desenvolveuse con total normalidade, acadándose unha porcentaxe de participación na quenda de mañá do 63 % (445 aspirantes dos 704 admitidos).

Durante a visita, o titular da carteira sanitaria da Xunta estivo acompañado pola directora xeral de Recursos Humanos, Ana Comesaña Álvarez. Así, á quenda de mañá estaban convocados ás probas un total de 704 aspirantes para as clases de ATS/DUE, Inspector/a Médico/a, Licenciado/a en ciencias Químicas, Farmacéutico/a Inspector/a de Saúde Pública.

Ademais, na quenda de tarde de hoxe, 485 persoas realizarán os exames das prazas de Licenciado/a en Farmacia, Licenciado/a en Medicina e Cirurxía, Licenciado/a en ciencias Biolóxicas, Licenciado/a en Psicoloxía, Subinspector/a Sanitario.

O Servizo Galego de Saúde cubrirá un total de 96 postos de persoal sanitario funcionario mediante estas probas, das que 64 serán de acceso libre, 24 de promoción interna, e 8 de discapacidade xeral. Así mesmo, cómpre sinalar que o 2 % dos aspirantes proceden de fóra de Galicia, un 77 % son mulleres, e o 5 % terá que realizar o exercicio de lingua galega.

Máis de 10.200 aspirantes ás prazas de Enfermería

O domingo día 25 de xuño, terán lugar os exames da categoría de Enfermería, que contan cun total 10.101 admitidos, e tamén as de inspector farmacéutico, con 149 aspirantes admitidos.

No caso das 1.556 prazas ofertadas na categoría de enfermeira/o, 1.135 ofértanse á quenda de acceso libre, 332 a promoción interna e 89 a discapacidade xeral.

Neste senso, indicar que 67 % dos/das admitidos/as na categoría de enfermeira/o teñen actualmente vínculo activo co Servizo Galego de Saúde.

Xunto co anterior, e como datos de interese para esta categoría, máis de 1.100 aspirantes proceden de fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, o 87 % dos opositores son mulleres e, o 16 %, terá que realizar o exercicio de lingua galega ao non estar en posesión do Celga IV.

Os exames desta fin de semana desenvólvense en tres quendas para permitir que aspirantes inscritos en diversos procesos poidan examinarse en todos. Neste senso, hai aspirantes graduados/as en Farmacia que concorrerán aos exames do sábado pola mañá para acceder as prazas de Farmacéutico Inspector/a de saúde pública, pola tarde á de Licenciado en Farmacia, e xa no domingo, a de Inspector Farmacéutico. O mesmo acontece cos graduados/as en enfermería que poden presentarse o sábado pola mañá a ATS/DUE, pola tarde a Subinspector/a sanitario/a, e o domingo á categoría de Enfermeira/o.

Desenvolvemento das probas selectivas

As probas selectivas comprenden tres exames tipo test. Un de lexislación xeral, do que quedan exentos os aspirantes admitidos pola quenda de promoción interna; outro da parte específica relacionado cos coñecementos e funcións propias da categoría ou clase, e un terceiro acreditativo do coñecemento da lingua galega, do que quedan exentos aqueles aspirantes que acrediten estar en posesión do Celga requirido na convocatoria.

No marco das previsións do I Plan de Igualdade de mulleres e homes do Servizo Galego de Saúde (2021-2024), en prol da igualdade efectiva de mulleres e homes, tense facilitado a execución material das probas ás opositoras xestantes e con parto recente que o solicitaran previamente, a realización dos exames de oposición no hospital no que estea ingresada, desprazando a estes efectos unha delegación do respectivo tribunal aos centros sanitarios.

Por primeira vez nas oposicións do Servizo Galego de Saúde, en execución de diversos acordos adoptados pola Mesa sectorial de negociación en materia de protección das persoas traballadoras durante o embarazo, a muller que estea de parto o día en que teñan lugar os exercicios da oposición, e non sexa posible realizarlle o exame no hospital, poderá efectualo dentro dos 15 días seguintes á realización das probas.

Garántese, así mesmo, o exercicio da lactación natural por aquelas aspirantes que o solicitasen, tendo recibido solicitude de máis 100 aspirantes para exercer a lactación. A estes efectos, tense habilitado no exterior do recinto unha sala específica para que poidan realizar a lactancia con carácter previo ao inicio da hora de exame, e no interior do recinto outra sala para que durante o tempo de realización das probas poidan tamén realizar a lactancia. Neste suposto, o tempo transcorrido na realización da lactación incrementase ao tempo de exame previsto inicialmente.

Ademais, practicaranse varias adaptacións de tempo e medios, que a normativa permite, para a realización dos exercicios co obxecto de garantir que todas as persoas aspirantes concorran ao proceso en condicións de igualdade.

Acceso dos aspirantes ao recinto con código QR

Nestes procesos selectivos non se realizará o tradicional chamamento dos aspirantes. Todos/as os/as aspirantes teñen á súa disposición na Oficina Virtual do Profesional (FIDES/ expedient-e), desde a data de publicación da data do exame no Diario Oficial de Galicia, a acreditación persoal con código QR. Á hora de inicio das probas os aspirantes acércanse á porta que teñen asignada co código QR que debe levar impreso e acreditando a súa identidade acceden ao exame.

Con esta medida axilízase a entrada ao recinto, evitando aglomeracións innecesarias.

Transparencia e seguridade no proceso

Este proceso selectivo incorpora varias medidas de seguridade, incluídas tamén nos últimos procesos, tendentes a dotalos dunha maior seguridade nas súas diversas fases, entre as que cómpre destacar, a posta a disposición dos tribunais de selección dunha plataforma securizada en entorno web con acceso mediante certificación dixital.

Isto permite o seguimento de todo o proceso, a confidencialidade na elaboración das preguntas, a selección dos exames aleatoria e automatizada sobre unha batería de preguntas, a imposibilidade de xerar ningún documento electrónico ata a data de impresión e a impresión e custodia dos exames en sala securizada.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/06/2023