A Xunta adxudica por máis de 3 M€ a mellora do firme en 4 estradas autonómicas nas comarcas de Lugo e da Terra Chá

Actuarase nas estradas LU-111, LU-121, LU-120 e LU-113 nos municipios de Rábade, Abadín, Vilalba, Begonte, Castro de Rei, Cospeito e A Pastoriza

As obras comezarán a finais de xullo e contan cun prazo de execución de 6 meses

Os traballos consistirán na rehabilitación do firme mediante o fresado e a reposición da capa de rodaxe, ademais do repintado das marcas viarias

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar por un importe de 3.088.113 euros as obras de mellora do firme en 4 estradas autonómicas ao seu paso polas comarcas de Lugo e da Terra Chá.

As actuacións, adxudicadas á empresa Probisa Vías y Obras S.L.U., teñen como obxectivo rehabilitar o firme en varios treitos das estradas LU-111, LU-121, LU-120 e LU-113, nos municipios de Rábade, Abadín, Vilalba, Begonte, Castro de Rei, Cospeito e A Pastoriza.

A previsión é comezar os traballos a finais do mes de xullo. As obras contan cun prazo de execución de 6 meses.

As intervencións obxecto deste contrato permitirán actuar na LU-111, do punto quilométrico 0 ao 12+910 e do 13+980 ao 18+420, nos concellos de Rábade, Begonte, Cospeito e Vilalba.

Ademais, intervirase na LU-121, desde o quilómetro 0+000 ao 3+700, nos concellos de Vilalba, Cospeito e Abadín.

Na LU-120 mellorarase o firme desde o quilómetro 0+000 ao 30+390, que discorre polos municipios de Vilalba, Cospeito, Abadín, Castro de Rei e A Pastoriza.

Na LU-113 acometeranse traballos desde o punto quilométrico 0+000 ao 6+000, nos concellos de Castro de Rei, Cospeito e Abadín.

As intervencións consistirán na rehabilitación superficial do firme mediante o fresado e a reposición da capa de rodaxe, completado co repintado das marcas viarias.

Tamén se inclúen neste contrato outras actuacións adicionais, como a limpeza e reperfilado de marxes e a execución de gabias de seguridade de formigón.

Data de actualización: 28/06/2023